[CON VÍDEO]

Conclúe sen acordo, após 15 horas, a reunión entre os letrados en folga e o Ministerio de Xustiza

Manifestación de persoal do LAX, esta quinta feira, mentres decorría a reunión con representantes do Ministerio de Xustiza. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
As e os traballadores afirmaron que non abandonarían a mesa de negociación "até non alcanzar un acordo que resolva o conflito" e mostráronse decididos a continuar a folga indefinida.

O Ministerio de Xustiza e os representantes dos Letrados da Administración de Xustiza (LAX) concluíron esta sexta feira sen acordo a reunión que ambas as partes iniciaron na tarde da quinta feira, co obxectivo de buscar unha solución á folga indefinida que manteñen desde o pasado 24 de xaneiro estes traballadores, que exixen melloras laborais.

A reunión prolongouse 15 horas, desde as 17 horas da quinta feira até as 8.15h desta sexta, segundo vén de informar o Ministerio, que atribuíu a falta de acordo a que os LAX "elevasen as súas exixencias a respecto das inicialmente expostas e sen propor ningunha outra alternativa".

Desde o Ministerio que dirixe Pilar Llop culparon os folguistas por, alén de "negarse a desconvocar" o paro para "avanzar no diálogo e a negociación", presentar unha nova proposta ao Ministerio aumentando as súas "exixencias salariais" e cunha formulación que "suporía unha dobre cláusula de enganche".

A nova proposta presentada polos Letrados, segundo a nota que difundiu Xustiza esta mesma mañá, "insiste en manter a cláusula de enganche, que suporía referenciar a contía das súas retribucións ás dos xuíces e maxistrados".

Esta nova exixencia, apuntaron, "supón que, ademais de que cada letrado, individualmente, cobre 85% do que perciben os xuíces dos seus respectivos órganos xudiciais, o conxunto da masa salarial dos letrados da Administración de Xustiza estará tamén referenciada á masa salarial da carreira xudicial, o que na práctica suporía unha dobre cláusula de enganche, é dicir, unha dobre suba salarial", indicou.

Xustiza propuxo ao comité de folga estudar unha mellora de salario pero "baseada nos grupos de poboación nos destinos dos letrados, que beneficiaría especialmente os LAX con salarios máis baixos", unha cuestión que, afirman desde o Ministerio, "os negociadores rexeitaron". Para Xustiza, a actitude dos Letrados foi "insólita e contraria a calquera lóxica negociadora".

"Cando un senta nunha mesa de negociación debe partir das demandas inicialmente expostas e estar disposto a facer algunha concesión", valorou o secretario de Estado, Antonio 'Tontxu' Rodríguez. "A única proposta feita esta noite polos letrados da Administración de Xustiza demostra unha clara falta de vontade de alcanzar calquera tipo de acordo", asegurou, ao tempo que censurou a "cerrazón" do colectivo para "iniciar unha verdadeira negociación, despois de case catro semanas de folga", na que "os principais prexudicados están a ser os cidadáns".

Antes de que concluíse a reunión, os LAX afirmaron que non abandonarían a mesa de negociación "até non alcanzar un acordo que resolva o conflito" e mostráronse decididos a continuar a folga indefinida.