O incendio de Chandrexa de Queixa arrasa máis de 3.000 hectáreas: só no Macizo Central xa ardeu máis superficie que en todo 2024 na Galiza
Chandrexa de Queixa (Terra de Trives) arde sen control. As chamas do fogo que se declarou na pasada sexta feira na parroquia de Requeixo devoraron —segundo os últimos datos dispoñíbeis ao feche desta edición— 2.000 hectáreas ao seu paso polas serras de San Mamede e da Queixa, no sistema do Macizo Central. Os intentos do corpo de bombeiros e do resto de efectivos non abondaron para aplacar a violencia do lume. Para loitar contra as lapas mobilizáronse 12 técnicos, 40 axentes, 66 brigadas, 34 motobombas, 6 palas, 4 unidades técnicas de apoio (UTA), 12 helicópteros e 10 avións. Polo de agora, o fogo non afectou o parque natural do Invernadoiro.
O incendio de Chandrexa de Queixa é —desde o domingo— o de maior magnitude no que vai de verán. Á parte deste evento, os fogos máis destacados até o de agora rexistráronse en Vilardevós (comarca de Verín), que foi extinguido tras arrasar 578,7 hectáreas e pór en risco varias vivendas, e Maceda (comarca de Allariz-Maceda), que se estabilizou na noite do domingo con 400 hectáreas calcinadas e no que resultou ferido un brigadista por queimaduras nunha perna e nun glúteo. Esta terza feira, o traballador xa se atopaba na súa casa e evolucionaba positivamente.
Tamén en Vilardevós xurdiu esta terza feira un novo fogo, en Moialde, obrigou a decretar a situación 2 por proximidade a vivendas.
Por outra parte, o concello de Ponteceso (Bergantiños) sufriu media ducia de incendios en varios días durante o inicio de agosto. Os peores foron os das parroquias de Cospindo (245 hectáreas) e Brantuas (200 hectáreas). Na Caniza (A Paradanta), as parroquias do Couto (295 hectáreas); Vilariño de Conso, e Mormentelos (180 hectáreas) foron as áreas máis afectadas polas chamas. Outro dos fogos de maiores dimensións tivo lugar na Fonsagrada, en concreto na parroquia de Monteseiro (150 hectáreas). Mentres tanto, en Verín (comarca homónima) permanece activo desde a mañá desta terza feira un fogo na parroquia de Mourazos, con perigo por proximidade a vivendas do núcleo de población de Tamagos. Aínda que Medio Rural declarou inicialmente o nivel 2, un escenario no que o fogo presenta un risco grave para persoas, bens de especial valor o infraestruturas e que pode requerir evacuacións, finalmente o desactivou.
Outros dos lumes que preocupaban polo seu avance xa foron estabilizados. Desde as 23.37 horas do domingo está estabilizado o incendio forestal de Maceda (400 hectáreas), na parroquia de Castro de Escuadro, que obrigou a desaloxar a veciñanza, se ben xa está desactivada a situación 2 por proximidade ao núcleo de Teixeira. Tamén evolucionan de forma favorábel o incendio do Concello de Monfero (Eume), na parroquia de Queixeiro, que motivou que as autoridades desaloxaran o mosteiro de Caaveiro e que afectou a unha parte do parque natural das Fragas do Eume, e o da Estrada (Tabeirós-Terra de Montes), na parroquia de Souto. Seguen controlados os incendios de Padrenda (Terra de Celanova), na parroquia homónima (40 hectáreas), e A Fonsagrada (comarca da Fonsagrada), en Monteseiro, que queima unhas 150 hectáreas desde a pasada semana.
Só os incendios do Macizo Central xa arrasaron máis de 3.700 hectáreas, cifra que supera o total de superficie afectada entre xaneiro e decembro de 2024 (2.600).
A biodiversidade que esmorece co lume e a "falta de prevención"
Voces expertas denuncian que a actual vaga de incendios que azouta á Galiza, como xa aconteceu en anos pasados, é unha “consecuencia directa do mal estado dos montes”. Xosé Santos Otero, axente forestal e naturalista, asegura a este xornal que os servizos de prevención de riscos e extinción de incendios funcionan “só se chove” e se existen “boas condicións meteorolóxicas”. Desde a súa perspectiva, lugares como a serra de San Mamede deberían gozar de maior protección lexislativa para garantir a súa supervivencia.
“Hai moitos anos que todo o Macizo Central debería ser parque natural, con todo o que iso implica: un plan de uso e xestión e un plan de ordenación de recursos”, subliña. Este axente forestal reivindica a importancia de que as institucións “reflexionen” sobre o valor do territorio e da biodiversidade que está desparecendo por mor dos fogos. “Está ardendo o ecosistema de alta montaña de máis valor do país xunto co sistema O Courel-Os Ancares”, agrega, en referencia ao Macizo Central.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, atribuíu a responsabilidade da maioría dos incendios do verán ás “persoas que os provocan” e evitou relacionar os fogos coa política da Consellaría de Medio Rural.
Esta mesma segunda feira, por outra parte, o Goberno de Castela e León pediu axuda á Galiza para tratar de frear o lume nas Médulas leonesas, con 1.500 hectáreas afectadas.