Un foco nunha residencia de Vigo afecta 22 usuarios e 10 traballadores

(Foto: Europa Press)

No centro Ballesol.

Un novo foco nunha residencia, desta volta na Ballesol de Vigo, onde o coronavirus contaxiou 22 persoas usuarias e 10 do persoal. En total, 32 acadadas polo virus. Non se desbota que o número aumente. 

Segundo os dados da Xunta, a altura desta segunda feira hai 712 contaxiados na Galiza en relación coas residencias de anciás. Deses contaxios a maior parte é de usuarias dos centros (454), mentres que os traballadores e traballadoras con 258.

O xeriátrico está situado na Gran Vía viguesa e conta con 117 prazas de residentes. Baixo a supervisión do Sergas, a residencia está procedendo a illar os positivos e os seus contactos do resto das persoas usuarias.

Deste modo, as residencias de maiores con máis casos de coronavirus entre os seus residentes son  A Nosa Señora das Miragres de Barbadás, con 77; DomusVi Ribadumia, con 74; a de Salvaterra do Miño, con 68;  A Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume, con 42; a Residencia San Cibrao de Cervo, con 35; e A Nosa Señora dos  Anxos de Ribadavia, con 32.

Séguenlle a Residencia  DomusVi Coruña de Oleiros, con 19; o  Fogar Residencial San Miguel de Silleda, con 16; a Residencia Santa Olalla de Boqueixón, con 15; a Residencia  As  Fragas de Pontedeume, con 12; a Residencia de Pereiro de Aguiar, con oito; a de San Cristovo de Cea, con sete; a  DomusVi Lugo de Outeiro de Rei e a  Ballesol de Oleiros, con cinco en cada caso; e as residencias Viana do Bolo e Irmáns Prieto do Carballiño, con catro cada unha.

As residencias con máis empregadas e empregados contaxiados son a Residencia  A Nosa Señora das  Miragres de Barbadás, con 37; a  DomusvI Ribadumia, con 28; a Residencia de Salvaterra do Miño, con 27; e a  Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume, con 19.