A Fiscalía pide nove anos de prisión para o capitán e os responsábeis da armadora do 'Vila de Pitanxo'
A Fiscalía pide até nove anos de cárcere para cada un dos tres acusados polo naufraxio do pesqueiro galego Vila de Pitanxo, que afundiu en febreiro de 2022 en augas de Terranova, no Canadá, levando consigo a vida de 21 dos 24 tripulantes a bordo. No seu escrito, que foi notificado esta cuarta feira, o Ministerio público acusa o patrón do buque, Juan Padín, así como os dous máximos responsábeis da armadora do barco Grupo Nores Marín: José Antonio Nores Rodríguez e José Antonio Nores Ortega, pai e fillo.
Para cada un deles pide até nove anos de prisión como supostos autores de 21 delitos de homicidio imprudente en concurso cun delito de lesións por imprudencia. Este último polo mariñeiro sobrevivente Samuel Kwesi. Ademais, tamén lles imputa un delito contra os dereitos dos traballadores.
Segundo fontes consultadas por Europa Press, a Fiscalía tamén pide para Padín inhabilitación por un período de 13 anos para a profesión de patrón de barco. Ademais, solicita a mesma cantidade de anos de inhabilitación para os responsábeis da armadora para administrar ou dirixir empresas dedicadas á pesqueira.
Todo iso despois de que pasasen xa máis de catro anos da traxedia, que acabou coa vida de 21 mariñeiros. Só tres das persoas que viaxaban no Vila de Pitanxo lograron sobrevivir, sendo un deles Juan Padín, agora imputado na causa. Tamén o seu sobriño Eduardo Rial conseguiu saír con vida do naufraxio, alén de Samuel Kwesi. Precisamente pola declaración deste último comezou a investigación xudicial do sinistro.
Padín e Rial contaron que o motor do Pitanxo parou de forma repentina, quedando o barco á deriva no medio dunha forte tormenta, polo que o mar acabou engulíndoo e con pouca marxe para que os 24 tripulantes puidesen facer algo para salvar as súas vidas.
Con todo, Kwesi asegurou que o Vila de Pitanxo enlamara (enganchado as redes ao fondo do mar), polo que o capitán tratou de facer varias manobras para solucionar este problema. Así, o barco comezaría a escorarse ao non ser capaz de soltarse, entrando auga até que o motor parou, sen escoitar os mariñeiros que pedían que soltase as redes.
Estas contradicións fixeron que comezase a investigación xudicial, levando o xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno a ver indicios de 21 delitos de homicidio por imprudencia, imputando Padín e os responsábeis da armadora polos mesmos. Agora, a Fiscalía pide nove anos para cada un deles.