Fiscalía abre dilixencias sobre a situación da residencia de Salvaterra

Edificio da residencia de Salvaterra de Miño. (Foto: Nós Diario)
A raíz dunha denuncia de Defensor do Paciente.

A Fiscalía Superior da Galiza abriu dilixencias de investigación sobre a situación da residencia de maiores de Salvaterra de Miño, intervida pola Xunta, por mor dunha denuncia do Defensor do Paciente, segundo confirmaron a Europa  Press fontes do Ministerio Público.

Estas dilixencias ábrense de oficio cando se presenta unha denuncia e remítense á fiscalía territorial correspondente, neste caso á de Pontevedra. A apertura destas dilixencias, con todo, non implica necesariamente que o Ministerio Público acabe presentando denuncia.

Fontes de Política Social sinalaron que a Consellería mantén "contacto constante" coa Fiscalía e que esta medida de apertura de dilixencias enmárcase dentro da actuación normal . A denuncia sobre o centro de Salvaterra foi presentada polo Defensor do Paciente, despois de que medios como Nós Diario denunciasen a situación na residencia.  A presidenta do Defensor do Paciente, Carmen Flores, advertiu nese momento de que había unha situación que "ningún ser humano merece e que atenta contra os dereitos fundamentais".

"É inhumano". Persoal do Sergas e da Xunta da Galiza desprazado á residencia de maiores de Salvaterra do Miño denunciabn unha "situación de alto risco físico e psicolóxico" tanto para os pacientes como para o colectivo profesional responsábel dos coidados. A carencia de material, o déficit de hixiene, a falta de organización e a sobrecarga de traballo impídenlles facer o seu traballo correctamente, din, polo que chaman á Administración a facer autocrítica e a tomar "as medidas oportunas"

Por outra banda, o persoal e familias de usuarios da residencia de maiores  fixeron públicos senllos escritos, remitidos aos medios polo propio centro xeriátrico, nos que expresan a súa "indignación" pola "imaxe inxusta" que se deu da residencia a través dunhas "fotografías  malintencionadas" e "sacadas de contexto", e defenderon a xestión do centro.