A Fiscalía pide 29 anos de cárcere para o independentista Raúl Agulheiro

Permanece en prisión preventiva desde outubro de 2014, acusado de atentar contra a Casa do Concello de Baralla. Será xulgado o 6 e 7 de xullo na Audiencia Nacional.

O vindeiro 6 e 7 de xullo a Audiencia Nacional española xulgará Raúl Agulheiro, independentista que permanece en prisión desde outubro de 2014 acusado de atentar contra a Casa do Concello de Baralla. Segundo informa o colectivo anti-represivo Ceivar, a petición fiscal é de 29 anos de cárcere: 15 por estragos, 7 por pertenza a banda armada e outros 7 por depósito de armas.

O 1 de decembro de 2014 un forte estoupido causaba danos materiais na Casa consistorial de Baralla, danos que posteriormente se valorarían en 200.000 euros. Días despois a Garda Civil detiña en Compostela Raúl Agulheiro, natural da Mariña e veciño da capital de Galiza, ao que acusaron de ser responsábel da colocación do artefacto. Desde entón está en prisións españolas.

Con motivo do xuízo estase a organizar unha 'caravana solidaria' para desprazarse até a Audiencia Nacional, en Madrid. Tamén haberá concentracións o 30 de xuño e 1 de xullo en varias localidades. Pode consultarse hora e lugar aquí.