A fiscal do Tribunal Supremo, Teresa Peramato, sobre a denuncia a Vilares: "Hai que abrazar as vítimas e darlles credibilidade"
A fiscal de sala xefa da sección penal do Tribunal Supremo, Teresa Peramato, pronunciouse sobre a investigación ao ex conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, por unha presunta agresión sexual e aseverou que, neste contexto, o que hai que facer é "abrazar as vítimas, darlles credibilidade e non cuestionalas desde o primeiro momento".
Tras unha semana que estivo marcada pola dimisión do conselleiro ao estar investigado por unha presunta agresión sexual, a fiscal foi preguntada pola actitude do Goberno galego ao redor deste caso e fixo fincapé en que habería que "abrazar as vítimas e manter un comportamento de tolerancia cero fronte a calquera agresor".
"É verdade que estamos a falar de presunción de inocencia, de denuncias, dunha investigación, mais obviamente a min paréceme que o que si transmite unha mensaxe adecuada á sociedade é colocarse ao lado das vítimas e non dar unha imaxe que poida ser contraria a ese principio", esgrimiu nunha entrevista concedida á Cadena Ser.
Consultada sobre discursos políticos que negan a violencia de xénero, Peramato sinalou que "o discurso negacionista afecta directamente as vítimas, mais ademais está empoderando os agresores na súa posición de dominio e de control".
"Unha sociedade democrática non se pode permitir a persistencia de actos de violencia desta natureza que afectan o 51% da poboación. Se ese negacionismo chega ás institucións e se producen recortes naqueles recursos que van dar apoio, o acompañamento, a asistencia psicolóxica e a asistencia económica ás vítimas, evidentemente estalles prexudicando moitísimo e non o podemos consentir", reivindicou.
Violencia na mocidade
Sobre os casos de violencia machista entre a poboación máis nova, a fiscal mostrouse "preocupada" de que esta violencia "estea a incrementarse", o que revela, segundo ela, "que se está fallando na prevención porque non están a asumir que eses comportamentos violentos son inxustificábeis".
Con todo, tamén quixo reivindicar os avances nesta materia, e neste sentido, alegou que "se avanzou moitísimo, tanto en medios persoais como materiais para investigar os actos de violencia de xénero e para protexer de forma efectiva ás vítimas, mesmo para detectar a violencia que poidan sufrir as mulleres neste ámbito".
Así mesmo, destacou que a lexislación estatal "é cada vez máis protectora e máis eficaz no ámbito da protección das vítimas", de feito, situouna "á vangarda non só en Europa senón no mundo". "Eu creo sinceramente que non é que haxa máis violencia de xénero, senón que, efectivamente, as vítimas confían máis na Administración de Xustiza e por iso nos últimos anos está a verse que confían e que denuncian máis. Eu creo que esa é a realidade", concluíu Peramato.