Fin de semana sen tren na Coruña polas obras na estación: Renfe habilitará máis de 250 autobuses
Renfe habilitará un servizo alternativo de transporte por estrada con motivo das obras que Adif levará a cabo os días 21 e 22 de setembro, relacionadas coa ampliación e remodelación da estación da Coruña.
Para garantir a chegada a destino dos viaxeiros e viaxeiras mentres se realizan os traballos na infraestrutura entre A Coruña e Compostela e A Coruña-Betanzos, a compañía programou máis de 250 autobuses durante toda a fin de semana, incluídos algúns servizos mañá, sexta feira, 20 de setembro, a última hora e segunda, día 23, á primeira hora.
Deste modo, veranse modificados os trens de longa distancia que conectan as cidades de Ferrol e A Coruña con Madrid, así como os trens de Media Distancia e Avant con orixe e destino á estación herculina, con transbordos por estrada motivados polo corte de vía de Adif para poder acometer as obras.
Avlo
Para garantir durante a fin de semana todas as circulacións de trens de baixo custo Galiza-Madrid, o Avlo da Coruña circulará desviado por Vigo, con parada en todas as estacións. Tamén se activará un dispositivo de autobuses, microbuses e taxis para os clientes dos trens habituais dos servizos de Media Distancia e Avant.
Trens cancelados
Renfe publicou esta quinta feira unha actualización dos servizos de MD cortados esta fin de semana. Así, o 20 de setembro realizará por estrada os percorridos de última hora da tarde entre Compostela, A Coruña e Betanzos-Infesta nos seguintes trens:
MD 12687 Ferrol-A Coruña das 19.30 horas
Rexional 12554 Vigo Guixar-A Coruña das 20.28 horas
Avant 9610 Ourense-A Coruña das 21.44 horas
MD 12646 Ourense-A Coruña das 19.40 horas
MD 09212 Vigo Urzaiz-A Coruña das 21.50 horas
Avant 9230 Ourense-A Coruña das 23 horas
Así mesmo, do 21 ao 22 de setembro Renfe realizará por estrada todos os percorridos entre Compostela, A Coruña e Betanzos-Infesta, así como nas súas frecuencias de servizo público nos trens Avant A Coruña-Compostela-Ourense, e nos servizos de Media Distancia A Coruña-Vigo, A Coruña-Ferrol e A Coruña-Lugo-Monforte.
Finalmente, o 23 de setembro Renfe realizará por estrada os primeiros servizos da mañá entre Betanzos-Infesta, A Coruña e Compostela nos seguintes trens:
Avant 9051 A Coruña-Ourense das 4.25 horas
Rexional 12411 A Coruña-Vigo Guixar das 4.45 horas
Avant 9061 A Coruña-Ourense das 5.05 horas
MD 12680 A Coruña-Ferrol das 6.31 horas
Avant 9081 A Coruña-Ourense das 7 horas
MD 12644 A Coruña-Ourense das 7.06 horas