A filtración de mensaxes de Sánchez aviva o debate sobre a privacidade: o Goberno español denunciará se non hai investigación
A filtración de mensaxes privadas entre o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e o que fora ministro no seu Executivo, José Luis Ábalos, alén das consecuencias políticas polos comentarios que terían sido emitidos polo líder socialista sobre ministros e ministras que compoñen ou fixeron parte do seu equipo en Moncloa, está a suscitar o sempre subxacente debate sobre a privacidade.
Unha das principais aludidas, a ministra de Defensa, Margarita Robles, restou esta terza feira importancia ás mensaxes de Pedro Sánchez alegando que se trata dunha conversación "privada" que ocorreu "hai moitísimo tempo", e afirmou que sente apoiada polo presidente do Goberno español.
"É unha conversación privada entre dúas persoas nas que eu non teño nada que dicir, como vostedes teñen as súas conversacións privadas. Unha conversación privada entre dúas persoas de hai moitísimos anos xa, nun contexto totalmente diferente", recalcou. "Tómoo polo que é: unha conversación privada entre dúas persoas sen maior relevancia, sen maior transcendencia", agregou.
Carmen Calvo entra no debate
A presidenta do Consello de Estado, Carmen Calvo, asegurou que, "en termos xurídicos", "ninguén, sexa o presidente do Goberno ou unha persoa anónima" debería ver as súas mensaxes privadas publicadas debido "á inviolabilidade do segredo das comunicacións" e á "liberdade de expresión".
A presidenta do Consello de Estado e ex vicepresidenta do Goberno español con Pedro Sánchez, pronunciouse deste modo ao ser preguntada durante unha visita á sede do Consello Consultivo da Galiza polos 'whatsapps' publicados por El Mundo, que revelan un intercambio de mensaxes entre Sánchez e Ábalos pronunciándose sobre líderes autonómicos socialistas ou integrantes do seu Executivo.
"En termos xurídicos, ninguén, sexa presidente do Goberno ou unha persoa anónima, debería de ver as súas mensaxes privadas, esas que lle mandas a un compañeiro de traballo, á túa familia, aos teus amigos, deberíaos de ver publicados. Ninguén", subliñou.
Ademais, sinalou que, "en termos persoais", "ninguén resistiría un asalto se lle publicasen o seu WhatsApp". "Ninguén resistiría un asalto do que dicimos cando un pensa que iso está en privado", afirmou, facéndose eco dun debate que sempre estivo na rúa, que colle moito máis forza na era da telefonía intelixente, e que adquire unha nova dimensión tras as filtracións do móbil de Pedro Sánchez.
O Goberno afirma que denunciará se non se abre unha investigación
O ministro de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, afirmou que o Executivo español iniciará accións legais sobre a filtración das mensaxes do presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, e o ex ministro José Luis Ábalos, se antes non se abre unha investigación respecto diso.
Na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros e Ministras desta terza feira, Bolaños sinalou que "dá por feito" que se abrirá unha investigación respecto diso. "E se non a houbese, desde logo nós iniciaremos as accións legais pertinentes para que se coñeza todo o fondo desta filtración", indicou a continuación.
Na mesma liña, o ministro sinalou que "non hai límite para os ataques" a Sánchez porque "nin a súa privacidade se respecta" e o Executivo estatal non prexulga quen puido cometela, aínda que considera que pode constituír un comportamento "delituoso".