Máis de 350 estudantes participarán en Ferrol na XI edición da First Lego League

Varios Lego nunha edición anterior da First Lego League. (Foto: Raúl Lomba / Europa Press)

A XI edición da First Lego League Galiza que decorrerá o 22 de febreiro no Campus de Ferrol acollerá un total de 350 estudantes de variados centros escolares galegos e asturianos.

Máis de 350 estudantes daranse cita o 22 de febreiro de 9 horas até as 18 horas para participaren na XI edición da First Lego League Galiza promovida pola Universidade da Coruña (UDC) no Campus Industrial de Ferrol.  Estes 350 rapaces proveñen de Ribeira (O Barbanza), A Coruña, Ourense, Cambados (O Salnés), Oleiros (Comarca da Coruña), Pereiro de Aguiar (Comarca de Ourense), Ferrol, Narón (Ferrolterra), Fene (Ferrolterra) e Ortigueira (Ortegal), ademais das cidades asturianas de Oviedo e Avilés.

Os asistentes dividiranse nun total de 53 equipos chegados de varios puntos da Galiza e de Asturias. Destes grupos, 27 formarán parte da categoría FLL Challenge, 22 da FLL Explore e os catro da FLL Discover.

A sala anexa ao salón de actos Concepción Arenal do Campus de Ferrol acolleu esta terza feira a presentación da competición, á que asistiron a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística do Concello de Ferrol, Patricia Cons; o director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez, e o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz

O coordinador da iniciativa, o profesor Xosé Antonio Becerra, destacou que o torneo terá lugar, por terceiro ano consecutivo, no Campus Industrial de Ferrol, coas presentacións dos proxectos nas aulas da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e nas da Facultade de Humanidades e Documentación, mentres que o Xogo do Robot se disputará no pavillón de Esteiro. Todo o programa presentará horario de mañá, a excepción da entrega de premios, que será pola tarde no Auditorio de Ferrol.  Alén disto, Becerra tamén quixo destacar o labor e o traballo que realizan "os perto de 100 voluntarios que ano tras ano colaboran nesta iniciativa".

Pola súa banda, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, puxo en valor a relevancia dun evento internacional que "une ao campus" e que ademais "atrae até este espazo e até esta cidade un moi bo número de mozos de distintos puntos de Galiza e de Asturias".

Mentres, a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística de Ferrol, Patricia Cons, subliñou o traballo que realiza o profesorado e o alumnado implicado neste programa educativo internacional "fora de horario lectivo, botando man do seu tempo libre e de lecer".

O mundo submariño

Neste ano 2025, a First Lego League expón un problema do mundo real a resolver no que as persoas participantes terán que utilizar o pensamento e a tecnoloxía Lego para exploraren as capas do océano e levar as súas aprendizaxes e ideas á superficie navegando cara o futuro.

En síntese, esta iniciativa é un programa internacional que desafía a rapazada de entre 4 e 16 anos, divididos en tres categorías, para resolver problemas do mundo real, á vez que aprenden valiosas destrezas para o seu futuro profesional e persoal, ademais de traballo en equipo para a resolución de problemas e a comunicación.