Fernando Lacaci: "O Diario Galego pode achegar a visión galega da vida"

Falamos co vicepresidente da Confederación de Anpas Galegas, Fernando Lacaci, sobre o lanzamento de 'O Diario Galego', o proxecto de Sermos para 2019.

"Necesitamos que as noticias non veñan peneiradas de fóra, dando a impresión de que todo o que ocorre acontece en Bruxelas ou em Madrid. Necesitamos que as noticias sexan o que nos ocorre a nós, como o que realmente son", afirma nun vídeo o portavoz das Anpas galegas. Traer as noticias canda nós "non para as baixar de ámbito, senón para as identificar na nosa propia realidade", esclarece.

 

O aparecimento de O Diario Galego "é tanto como dicer que aquí tamén pasan cousas", afirma. 

 

E de que xornal gostaría? "Gostaría dun xornal que non fose un proxecto local, senón que fose un proxecto en que o mundo inteiro entrase a través da nosa lingua". "O grande problema que está a haber na mocidade", afirma xa desde a súa experiencia como integrante da comunidade escolar, "é que non ten referentes galegos. E non os ten porque todo o que lles entra -tanto no audiovisual como na escrita- son referentes que están ou en español ou traducidos para o español". Destarte. as mozas e os mozos "acaban sentindo que as cousas importantes se fan sempre en español". Daí a importancia de termos un xornal en galego que, alén do máis, conte o mundo desde Galiza e faga que a xente moza "vexa que tamén nós [como país] somos importantes, tamén nós temos unha realidade que debemos querer e defender".