Fenda de xénero nas disciplinas científico-tecnolóxicas

A porcentaxe de mulleres nas disciplinas CTEM non alcanza o 30%.

Menos de 30% do alumnado das disciplinas universitarias do ámbito CTEM son mulleres.

Menos de 30% do alumnado das disciplinas universitarias do ámbito CTEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) son mulleres.

Así o deu a coñecer hoxe a delegada do reitor para a Igualdade da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Marta Pérez Pereiro, na presentación das actividades coas que a institución conmemorará o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, 11 de febreiro.

A porcentaxe de alumnas na área de enxeñaría e no dobre grao en Matemáticas e Física no curso 2021/2022 non alcanzou 30%, mentres que os graos en Robótica e en Enxeñaría Informática son os que contaron cunha menor participación feminina, con 13,24% e 16,52%, respectivamente.

En canto ao profesorado, Pereiro desvelou que as mulleres docentes nas áreas de Enxeñaría e Arquitectura non chegan a 25%.

Por este motivo, a delegada do reitor para a Igualdade da USC asegurou que o 11 de febreiro constitúe unha “celebración moi necesaria”, pois a presenza de “estereotipos de xénero” e a “ausencia de referentes femininos” en ciencia e tecnoloxía son algunhas das causas que provocan esta desigualdade.

Así, Pereiro defendeu que esta fenda ten que fecharse na educación primaria e secundaria, “incentivando a elección de titulacións non baseadas en roles tradicionais de xénero” con programas destinados a institutos e colexios, como os que desenvolverán o vindeiro 11 de febreiro.