Vieira do Minho: Conviviencia, debate e traballo entre feministas desde a autoxestión

Campamento Marcha Mundial das Mulleres

Feministas de máis de 10 países reúnense esta semana en Vieira do Minho no III Campamento de mullres novas, impulsado pola Marcha Mundial das Mulleres. Este encontro naceu da cooperación das coordenadoras nacional galega e portuguesa da MMM

Vieira do Minho (Portugal) acolle estes días o III Campamento de mulleres novas, organizado pola Marcha Mundial das Mulleres en Europa, nesta ocasión a organización é o resultado da colaboración ddas coordenadoras nacionais de Portugal e Galiza.

Ambas coordenadoras nacionais veñen realizando análises conflúentes da realidade política e social de ambos países que tivo como primeiro punto de encontro a proposta da Campaña Europea contra as políticas de Austeridade, desenvolvida en máis de 10 países e que na Galiza, baixo o lema 'A débeda dos gobernos é coas mulleres, non coa banca' desenvolveu atividades ao longo do ano 2013.

Autoxestionado

As políticas de austeridade, os dereitos sexuais e reprodutivos, a autodefensa feminista ou o auto-coñecemento do corpo e a sexualidade das mulleres serán os temas que se desenvolverán paralelamente aos obradoiros de debate dos textos internacionais da Marcha Mundial das Mulleres, nomeadamente o posicionamento político a debate no 9º Encontro Internacional que terá lugar do 25 ao 31 de agosto en Sâo Paulo, coa presenza dunha delegada galega e varias das participantes do campamento feminista.

O III Campamento é un espazo de mulleres, auto-xestionado, no que as participantes se encargan de elaborar as diferentes comidas do día, preservar o espazo natural no que se desenvolve e organizar as diferentes tarefas derivadas dun convívio de 8 días. Nesta ocasión a escolla do norte de Portugal foi por ser un punto intermedio para facilitar a participación de galegas e portuguesas.