O feminismo non baixa a garda e ocupa as rúas galegas polos dereitos da muller

Feminismo

Seis cidades galegas acolleron actos festivos convocados pola Plataforma polo Dereito ao Aborto, onde se lembrou que a dimisión dun ministro non supón o final dun ciclo, senón a insistencia na mobilización.

Decenas de persoas secundaron a convocatoria da Plataforma polo Dereito ao Aborto en Galiza, reuníndose nas rúas de case todas as cidades do país en actos festivos pero tamén fondamente políticos, no que se chamou a atención sobre os dereitos da muller que aínda seguen negados e se celebrou a vitoria que supuxo que o PP frease a súa reaccionaria lei do aborto pero se advertiu, con bastante insistencia, en que iso non significa que o movemento “poida baixar a garda”, senón todo o contrario, falouse moito de necesidade de manter a mobilización e seguir avanzando nas reivindicacións feministas.

As reunións foron festivas, con baile e retranca, pero fondamente políticas

En Compostela, o baile e a festa sorprendeu a moit@s turistas en plena zona histórica, con impresionante presenza de cores lilas, namentres que tamén foron visíbeis as concentracións no Campo da Leña na Coruña, na Alameda de Bouzas en Vigo, na Praza do concello en Lugo, nos xardíns do Padre Feijóo en Ourense e no Cantón de Ferrol.

Así mesmo, mobilizacións moi semellantes tiveron lugar por todo o Estado, onde tamén comezan a protestar sectores ultra-católicos que ameazan con deixar de votar PP.