O feminismo galego reivindica un ano máis o legado das irmás Maruxa e Coralia

Acto de homenaxe, esta sexta feira 18 de xullo, na Alameda de Compostela. (Foto: Nós Diario)
O acto tivo lugar, como cada ano, ás dúas en punto e ante a escultura das irmás Coralia e Maruxa Fandiño, da man da Libraría Lila de Lilith.

Esta sexta feira, como cada 18 de xullo, o feminismo galego realizou máis unha 'mullerenaxe' en Compostela ás irmás Fandiño Ricart, Coralia e Maruxa –coñecidas popularmente na cidade como As Marías–, durante anos consideradas tan só personaxes pintorescas por descoñecerse a súa tráxica historia de represión e resistencia.

O acto tivo lugar, como cada ano, ás dúas en punto e ante a escultura das irmás Coralia e Maruxa Fandiño, da man da Libraría Lila de Lilith. A mesma hora á que contan que saían de paseo polas rúas compostelás as dúas irmás. Nesta ocasión, coa presenza da alcaldesa, Goretti Sanmartín, recibiron tamén a'mullerenaxe' a poeta e activista Luz Fandiño, e a psiquiatra e docente Lola Ferreiro.

Lembranza para Luz Fandiño e Lola Ferreiro

Luz Fandiño, nada na capital galega en 1931, concretamente no barrio de Sar, emigra primeira a Arxentina en 1952 e despois a Francia en 1962.

Retorna ao país en 1979, onde agroma a súa produción cultural, participando en recitais e tamén en volumes colectivos como Xuro que nunca volverei pasar fame. Poesía escarlata (Difusora, 2003) e lanzando libros de poemas individuais, como Farangulliña de neve (1998) ou O pracer de envellecer (2014). Faleceu o pasado 28 de abril na capital galega. 

Lola Ferreiro, médica especializada en Psiquiatría, foi unha das figuras máis relevantes do feminismo galego, até o punto de ser unha das fundadoras da Asociación Galega de Mulleres (AGM).

Autora dun corpus teórico sobre saúde cunha perspectiva de xénero transversal, un campo que tamén explorou co deseño de programas de educación para a saúde a visión androcentrista da medicina.

Formou parte da Asociación Galega de Saúde Mental e centrou o seu estudo no campo da psiquiatría infantil e xuvenil, ademais de interesarse polo estudo das relacións afectivas e a educación para a saúde, formando parte do colectivo Mira por elas! Membro da Marcha Mundial das Mulleres e colaboradora de Nós Diario, faleceu o 11 de decembro de 2023.