O feminismo galego mobilízase contra o feminicidio e a precariedade laboral

[Imaxe: @gzcontrainfo]

As rúas de Compostela acolleron na mañá do domingo a mobilización do movemento feminista galego con motivo do 8 de marzo. A loita contra o feminicidio e contra a precariedade laboral protagonizou a marcha.

A mobilización nacional do feminismo galego polo 8 de marzo, que tivo lugar en réxime de autoconvocatoria, percorreu na mañá do domingo as rúas de Compostela baixo o lema “Feministas para avanzar xuntas nunha mesma loita”. Precisamente, as activistas reivindicaron na manifestación a loita contra o feminicidio e contra a precariedade laboral que sofren as mulleres.

Ao berro de “Contra o patriarcado, feminismo organizado”, as mulleres berraron por acabar coas condutas machistas que están presentes no día a día. Pilar Estévez, unha das portavoces da Plataforma Feminista Galega, chamou a atención, en declaracións aos medios, sobre o papel da muller no ámbito dos poderes públicos, onde tamén “se nos valoriza pola forma de vestir ou de falar”.

A activista fixo fincapé na necesidade de artellar mecanismos que contribúan a erradicar o feminicidio, após de rexistrárense máis de 120 casos de violencia machista no Estado español e máis de 15 na Galiza durante o ano pasado. Os recortes nos servizos sociais e a precariedade laboral foron outras das denuncias da activista.

No protesto participaron representantes das organizacións sindicais e de formacións políticas. Entre outras, asistiron a deputada do PSdeG María del Carmen Acuña, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a deputada de AGE Eva Solla.

Novas citas

Após esta mobilización, o feminismo galego seguirá tomando as rúas con “alegría e combatividade”. Farano na terza feira, 8 de marzo, cando se conmemora o Día Internacional das Mulleres. Así, a CIG convoca concentracións a terza feira de maneira simultánea en todo o país. Terán lugar ás 12h na Coruña (praza de Lugo, esquina do Zara Home), en Ferrol (diante da Confederación de Empresarios), en Compostela (diante do Zara na praza de Galiza), en Vigo (diante do Stradivarius de Urzáiz), en Lugo (diante da Confederación de Empresarios) e en Pontevedra (na praza 8 de marzo).

Ademais, a Marcha Mundial das Mulleres convoca en Ourense unha mani-festa-acción con saídas ás 20h da Alameda. Tamén convoca o 10 de marzo o monólogo feminista Bye Bye Feminity ás 21h no Auriense e unha charla sobre a renda básica das iguais o 11 de marzo ás 20h no CS A Galheira.

Vigo tamén acollerá unha manifestación o 8 de marzo ás 20h desde a Praza de Portugal e un recital poético o sábado 12 ás 19.30h no Catro a Catro. 

O BNG da Coruña tamén anunciou o seu propio acto, convocado para o 8 de marzo ás 20h diante do Teatro Rosalía. O BNG do Morrazo vén de anunciar a súa concentración, convocada para o 8 de marzo, ás 20.30h, diante do Concello de Moaña.