A Marcha Mundial da Mulleres convoca manifestacións o 25 de xuño fronte ás sedes do PP polo 'caso Vilares'
A Marcha Mundial das Mulleres convocou esta cuarta feira manifestacións para o 25 de xuño fronte ás sedes do PP en toda Galiza polo 'caso Vilares'. Segundo afirman nun comunicado, hai máis de 10 días que esperan un pronunciamento do Executivo galego "recoñecendo a irresponsabilidade de todo o Goberno do PP á fronte da Xunta" tras a rolda de prensa realizada por Alfonso Vilares, despois de notificarse a súa investigación por un delito de agresión sexual.
Naquel momento, lembran, colectivos feministas denunciaban un "lavado de cara" e "conivencia" por parte da Xunta, así como a "complicidade de moitos medios de comunicación, entre eles os medios públicos galegos, contribuíndo a sinalar a agredida e a defender o acusado e, ao mesmo tempo, a banalizar algo tan grave como a violencia sexual e a violencia machista na súa totalidade".
Por iso, o colectivo cre que o feminismo debe "rearmarse" e "responder" como noutros momentos da historia "aos feminicidios, ás inxustizas, aos intentos de desmantelamento de servizos ou de agresións aos dereitos sexuais e reprodutivos".
Da mesma maneira, a Marcha Mundial das Mulleres salienta que non pode tolerar "seguir vivindo nunha sociedade na que os máximos representantes públicos, encargados de que se respecten os nosos dereitos e de garantir a nosa protección, no canto de poñer o foco nos agresores cuestionen o comportamento da vítima, mesmo até o punto de responsabilizala publicamente do seu asasinato".
Por este motivo conclúen exixindo á Xunta que "se [os responsábeis políticos] non están capacitados para estar á fronte dun cargo desta magnitude que os cesen ou que dimitan".