Covid: Feixoo pensa que Galiza "resiste ben" os encontros das festas malia algún repunte nos contaxios

Feixoo cun representante do Goberno luso. (Foto: Europa Press)
O presidente da Xunta preferiu non adiantar ningunha medida para as próximas xornadas á espera da reunión desta tarde co comité clínico que asesora sobre a evolución da pandemia.

O presidente da Xunta apunta á decisión do comité clínico sobre as restricións para Fin de Ano pola pandemia, mais hoxe asegurou que Galiza “resiste ben” aos primeiros días das festas perante o previsíbel aumento dos contaxios.

Após un encontro co presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte, Antonio Cunha, Alberto Núñez Feixoo recoñeceu que existen “algunhas tendencias á alza nalgunhas cidades”.

Porén, o positivo é que semella que “non son moi intensas” polo que fai mirar con optimismo o Nadal. Até onte, as estatísticas do coronavirus na poboación evolucionaban “de forma satisfactoria para os riscos que supoñen estas festas”.

O representante do Goberno galego puntualizou que aínda non se sumaron aqueles contaxios que puideron ter lugar precisamente nas reunións de Noiteboa e Nadal.

“Pero, desde o día 18 e o día 22 de decembro, as cousas están máis ou menos nunha situación” de certa estabilidade “desde o punto de vista de infeccións novas a 14 días por 100.000 días”.

“Insisto. De momento, estamos realmente satisfeitos de como foron indo os últimos días en Galicia. Imos ver como acabamos até o 7 de xaneiro estas festas concatenadas”, avisou.

De cara a estes días recoñeceu que non ten plans porque quere ser “respectuoso” coas recomendacións que faga o comité clínico, que volverá a falar a partir das 18.30 horas desta segunda feira. O que si adiantou é que “non vai ser un Fin de Ano normal desde o punto de vista de horarios nin de mobilidades”.