Feixoo ve "razoábel" que o estado de alarma permita confinamentos e adiantar o toque de recoller ás 18:00 horas

Control de mobilidade en Compostela durante o confinamento (Foto: Europa Press)

Volve desbotar o confinamento para Galiza, mais cre que o Goberno estatal "ten que atender" as demandas nese sentido doutros territorios.

O presidente da Xunta considera "razoábel" que o decreto do estado de alarma en vigor permita ás comunidades autónomas estender máis aínda o toque de recoller, mesmo até as 18:00 horas como o acaba de facer Francia, e decretar confinamentos "polo menos municipais".

Así o manifestou Núñez Feixoo a preguntas dos medios nunha comparecencia conxunta co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, durante a cal valorou que o Goberno español "ten que atender" as demandas das autonomías, que son as que están "padecendo e xestionando" a pandemia do coronavirus.

Neste sentido, o presidente da Xunta reiterou que o decreto do estado de alarma debe "facultar" as comunidades a adoptar maiores restricións: "Se algún presidente o solicita, será que ten argumentos epidemiolóxicos para facelo".

Sobre o toque de recoller, que na Galiza desde esta sexta feira situarase ás 22:00 horas, Feixoo explicou que o decreto do estado de alarma aprobado nas Cortes xerais "non posibilita moito máis" -sitúa o xeral ás 23:00 e permite adiantalo até as 22:00 ou atrasalo até medianoite--.

A continuación, fixo referencia a que en Francia acaba de adiantarse ás 18:00 horas, algo que "non lle parece que sexa un disparate" como posibilidade para as comunidades autónomas. "Paréceme que debe haber unha previsión para calquera eventualidade", manifestou.

Iso si, sobre os confinamentos domiciliarios, Feixoo defendeu que "de momento" a Xunta non o solicita porque entende "que non é imprescindíbel", aínda que si cre que o decreto do estado de alarma debe prever a posibilidade de confinamentos "parciais, municipais ou provinciais, no seu caso".