Feixoo insiste na “recomendación” de que compartan o Nadal só dúas unidades familiares

Iluminación de Nadal nunha cidade. (Foto: Eduardo Briones / Europa Press)

 

A Xunta insiste na necesidade de limitar a asistencia ás ceas e comidas e avanza que podería ofrecer melloras á hostalaría. Porén, non se quere “adiantar ningunha decisión” até que non cheguen as semanas máis importantes das festas.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, vén de insistir na petición ás galegas e galegos de que non celebren as festas de Nadal con máis de dúas unidades familiares. Esa é a “recomendación” do Goberno do país malia que o acordo da Comisión Interterritorial de Saúde falase dun máximo de dez asistentes con independencia de a que familia pertenzan.

Feixoo destacou hoxe que a incidencia da Covid-19 na Galiza continúa en niveis baixos e que de manterse “a boa evolución epidemióloxica” hai “esperanzas de poder mellorar a situación da hostalaría”.

Por contra, négase a cambiar a recomendación para as e os particulares á hora de planificar ceas e comidas de Nadal, como as de Noiteboa ou Ano Novo. A idea é limitar os contactos “para tentar evitar unha terceira onda” da pandemia unha vez chegue xaneiro.

“As cousas van mellor” pero o consello “claro” é pasar estas celebracións coas persoas coas que se convive ou, “se se teñen que mesturar, como máximo que o fagan dúas unidades familiares”.

Dez persoas parécenos arriscado e moi indefinido o concepto de achegados”, subliñou, insistindo na mesma idea de evitar un terceiro pico de contaxios.

A mellora para os negocios de hostalaría será en función da responsabilidade persoal da cidadanía e da prudencia. Así, o presidente pediu prudencia e no caso de que a curva continúe á baixa haberá “esperanzas” de reducir a presión sobre as zonas onde estes negocios teñen unhas “restricións máis severas”.

Mesmo poderían abrir a man en canto aos horarios de apertura. No entanto, “mentres non cheguen esas semanas non se vai adiantar ningunha decisión”.