Feixoo avanza medidas "proporcionadas" para reducir interaccións en fin de ano

Ambiente de Nadal nas rúas de Vigo. (Foto: Arxina)
Di que hai que "protexer saúde e economía"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, declinou concretar que medidas sairán do comité clínico que se reúne esta segunda feira, pero avanzou pasos "proporcionais e proporcionados" encamiñados a reducir as interaccións sociais en fin de ano co obxectivo de manter "baixo control" a presión hospitalaria e "protexer saúde e economía" fronte á evolución da pandemia.

Co debate dos cotillóns e do formato das cabalgatas de reis riba da mesa, Feixoo evitou concretar que medidas sairán do comité clínico, mais remarcou en varias ocasións que até o de agora en Galiza non se adoptou "ningunha restrición" e levou o foco á hostalaría, por exemplo.

Así, advertiu que, aínda que a situación está baixo control nos hospitais galegos polo momento, a incidencia e a taxa de positividade son "moi altas", polo que, e se se mantén ao longo de varios días o incremento de  contaxios, isto podería cambiar.

"O lóxico para fin de ano é adoptar algunha estratexia de diminuír a interacción social para protexer a saúde e a economía"

Tamén reflexionou sobre o impacto que ten sobre a economía cada contaxio de covid-19 e a súa correspondente corentena.

Con estas premisas, insistiu en que os expertos clínicos que asesoran á Xunta verán esta tarde "se é lóxico" reducir as interaccións para fin de ano, nun contexto marcado tamén pola explosión da variante Ómicron.

"Até hoxe non impuxeramos ningunha restrición en hostalaría nin en ningún outro sector. Imos ver se podemos diminuír a interacción social sen producir efectos moi nocivos no sector servizos e na hostalería", concluíu.

Feixoo desbotaba o pasado 22 de decembro, restricións e recomendaba limitar a dúas familias as reunións de Nadal. A Xunta evitaba daquela estabelecer de maneira oficial restricións para as festas malia o nivel de contaxios da Covid-19, mais apela á responsabilidade persoal da cidadanía.

"Cantas menos persoas se reúnan a comer mellor. Se pode ser unha ou dous, mellor que tres ou ou catro ou seguintes", destacaba, após participar nun encontro de presidentes dos distintos territorios co seu homólogo no Executivo do Estado español, Pedro Sánchez, no que solicitou recuperar a obrigatoriedade do uso das máscaras en exteriores.