A Feira de Santos desborda Monterroso nunha edición marcada pola ausencia de gando

Recinto feiral de Monterroso abarrotado na mañá deste sábado 1 de novembro. (Foto: Concello de Monterroso)

 

Monterroso, na comarca da Ulloa, volveu quedar pequeno un ano máis para acoller ás miles de persoas que acudiron á famosa Feira de Santos que se desenvolve na localidade desde hai máis de 800 anos, nunha edición marcada pola ausencia de gando.

A prohibición de feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando para protexer os animais fronte á dermatose nodular contaxiosa (DNC), aprobado pola Consellaría do Medio Rural deixou este ano a feira de Monterroso sen unha das principias liñas de negocio. Porén, a ausencia do vacún non restou asistencia ao evento.

Milleiros de persoas procedentes de toda Galiza encheron a localidade desde primeiras horas da mañá para facer as súas tradicionais compras, visitar os postos de venda, socializar e comer o polbo. Neste sentido, os responsábeis dos postos de hostalaría destacaron a Nós Diario a gran participación deste ano.

Un ano máis o elevado número de visitas, obrigou aos asistentes a desprazarse a comer a distintos estabelecementos hostaleiros das distintas parroquias Monterroso e dos concellos limítrofes de Palas de Rei, Antas de Ulla, Portomarín, Taboada, Guntín ou mesmo Melide, emprazado a 25 quilómetros de distancia.  

Produtos de tempada

O mercado produtos de tempada volveu ser o centro da feira, por iso no recinto A Cúpula, con 10.000 metros cadrados, concentráronse centos de postos de noces, castañas, verdura de tempada, queixos, pan ou mel.

A maioría dos titulares destes postos procedían da propia comarca da Ulloa ou das zonas limítrofes da Terra de Melide e das comarcas de Arzúa e do Deza. Ao tempo, noutras partes do recinto situáronse postos de venda de cestaría, olaría e manufacturas artesanais. 

O nivel de negocio desenvolvido na feira de Monterroso resultou importante, destacando a satisfacción das persoas que puxeron á venda os seus produtos. Porén, as vendas directas e o sentido das transaccións impiden coñecer con precisión o volume de negocio que se move cada ano.

Unha historia que se remonta a Afonso VIII

A gran fortaleza Feira de Santos Monterroso é a súa tradición. A mesma vense realizando desde 1219, situándose a súa orixe na política de apoio á actividade comercial promovida polo rei galego Alfonso VIII.

A "Feira de Feiras" da Galiza, como é coñecida a cita de Monterroso, non defraudou. Neste sentido, produtores, feirantes e comerciantes e, sobre todo visitantes, prepáranse para unha nova edición.