A Feira Plantación fai de San Sadurniño o mellor escaparate da primavera
72 expositores e un programa completo de propostas e actividades converxen este domingo á beira do Xuvia.
Nos anos 90, impulsada por aquel entón pola asociación Bidueiro, nacía en San Sadurniño (Ferrolterra), unha cita que quería ter a planta de tempada como protagonista.
28 edicións despois, con cambio de ubicación e organizada desde hai anos polo Concello de San Sadurniño, a Feira da Plantación é unha realidade que atrae profesionais do sector e miles de persoas procedentes de diferentes comarcas para gozar á beira do río Xuvia dunha xornada como a deste domingo.
A Feira conta este ano con 72 postos, fronte aos 67 do ano pasado. Por tipoloxía, inscribíronse 12 viveiros, unha trintena de postos de produtos agroalimentarios, 20 expositores de artesanía, catro de maquinaria e outros seis pertencentes a colectivos sen ánimo de lucro. Un encontro comercial de referencia que reivindica a calidade, diversidade e potencial do sector primario, especialmente no ámbito da produción de planta ornamental
Ao longo do día, ademais das actividades de carácter estritamente expositivo e comercial, hai unha ampla oferta de lecer para un público de todas as idades. O evento, apunta o Concello, “volve ser escaparate comarcal da primavera”. Como é habitual, o Consistorio preparou unha programación paralela con actividades complementarias para todas as idades.
Obradoiros de sementes e de tintes naturais, charlas sobre as rochas do Xeoparque Ortegal co doutor de Xeoloxía Francisco Canosa, ou exhibicións de arte floral con Tania Couce son algunhas da spropostas.
Cada visitante da feira recibirá un agasallo en forma de bolsiña con plantas ornamentais doadas por Vivergal, empresa con sede en Santa Mariña do Monte que colabora desinteresadamente coa organización. O Concello tamén recibe o respaldo da Deputación da Coruña para esta cita