A Fegamp afea á Xunta que destine "cero euros" á integración das unidades de drogodependencia no Sergas

Alberto Varela, presidente da Fegamp, nunha foto de arquivo. (Foto Fegamp)
Os 13 concellos galegos con Unidades de Atención á Drogodependencia están a asumir cos seus fondos un servizo que é competencia da Xunta da Galiza.

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) lamentou que o compromiso da Xunta de integrar as unidades de atención á drogodependencia (UAD) teña un reflexo de "cero euros" nos orzamentos autonómicos de 2025.

Os concellos con UAD volverán financiar un servizo que debería estar cuberto 100 % pola Xunta e integrado no Sergas desde hai demasiado tempo

Así o trasladou tras a reunión decorrida esta cuarta feira da comisión mixta para o traspaso destas unidades. A Fegamp criticou que o Goberno galego pretende "seguir confundindo á opinión pública" sobre a situación das UAD, que "deberían estar xa integradas no Sergas desde o ano pasado", segundo os compromisos adquiridos pola Xunta en 2022.

Segundo sinalou a entidade municipalista nun comunicado, actualmente esas unidades non só non están integradas, senón que a Xunta non acredita o seu compromiso nos orzamentos, xa que "son cero euros o incremento que o Goberno autonómico destina para que as UAD sexan integradas o ano que vén".

Competencia da Xunta, cartos dos concellos

Ademais, incidiu a Fegamp, "pola vía dos feitos", pretende que os concellos sigan cubrindo o custo dese servizo, que é "competencia sanitaria autonómica recoñecida pola propia Xunta".

A respecto diso, lembrou que a achega autonómica para cubrir os gastos segue sendo a mesma que os últimos anos e só chega a 70% deses gastos. "É dicir, os concellos con UAD –13, na Galiza– volverán financiar un servizo que debería estar cuberto 100% pola Xunta e integrado no Sergas desde hai demasiado tempo", constatou a Federación.

A Fegamp tamén sinala que a "preocupación" da Consellería de Sanidade de "querer responsabilizar os concellos e a Fegamp" desta situación "di moito da súa falta de responsabilidade". "E para a Fegamp todo ten que ter un límite", advertiu. Por todo iso, os concellos apuntaron que, tras achegar toda a información requirida "até en tres ocasiones" nos últimos dous anos, esperan recibir esta sexta feira o protocolo e a confirmación desa cobertura "de forma inmediata".

Mentres tanto, insistiron, "é necesario" que os cidadáns saiban que son os concellos os que financian este servizo sanitario "competencia da Xunta", e fano "á conta dos seus recursos" e "a pesar das dificultades impostas pola propia Xunta".

A Xunta pide colaboración

Pola súa parte, nas últimas horas a Xunta reiteraba o seu compromiso coa integración das UAD no Servizo Galego de Saúde e advertía que se trata "dun traballo que require do impulso e da participación colaborativa de ambas as dúas administracións, a autonómica e a local".

Co obxectivo de avanzar nestes traballos, fixouse o 31 de outubro como nova data límite para a constitución dos grupos de traballo, á espera de coñecer os integrantes da Fegamp, á que o Executivo autonómico insta a "cumprir os acordos".

Sanidade, atendendo a unha solicitude da Fegamp, asegura, ademais, que se comprometeu a remitir nos próximos días un protocolo co procedemento para a cobertura das postos vacantes nestas unidades de forma transitoria, sempre que sexa posíbel e contando coa voluntariedade dos profesionais, en tanto non conclúa o procedemento de integración.

A Fegamp reclama que sexan cubertas as vacantes de persoal sanitario de acordo coa documentación achegada, co fin de que todo o persoal sanitario sexa integrado no Sergas.