Familiares do centro vigués reclaman unha boa alimentación

A federación REDE denuncia graves deficiencias na DomusVi de Barreiro

Á dereita, Paulino Campos. / Nós Diario
Nós Diario recolle ás queixas en relación á mala atención que reciben en termos nutricionais, sanitarios e mesmo de hixiene, segundo denuncian desde a Federación REDE de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia.

O presidente de REDE e da Asociación de Familiares de Barreiro (Asfeba), Paulino Campos, non cesa no seu labor de espallar nos medios e nas redes sociais a "ínfima calidade alimentaria" do centro DomusVi de Barreiro, en Vigo. Segundo afirma, ten desde hai anos testemuños das persoas residentes nas que afirman unha continuada mala atención das súas necesidades. Cuestión que se veu a agravar coa Covid-19.

Sobre as malas condicións dos alimentos da preparación deles que lles ofrecen, nesa residencia, ás persoas usuarias, Paulino Campos, asegura que "a pesar de que o centro posúe unhas boas instalacións de cociña", o servizo estalle concedido á empresa Serunión. "Que se ben foi no seu momento líder deste tipo de encargas de institucións", comenta Campos, "nos últimos anos recibiu graves críticas e mesmo lle retiraron a concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro", motivado polas numerosas e continuas protestas.

Campos recalca que as persoas usuarias, coas que procura manter contacto, "pasan fame e vense na obriga de mercar na cafetaría da residencia", cando están a pagar milleiros de euros por estaren alí.

Entre os testemuños recollidos e expostos por Paulino Campos, nin a hixiene nin o trato médico merecen unha mención positiva. Segundo relata o presidente de REDE, ten evidencias dos deprezos que padecen as persoas residentes, que denuncian tamén a falla de hixiene e o mal funcionamento de servizos como o de lavandaría.

A situación na DomusVi de Barreiro agravouse por mor do contaxio da Covid-19, xa que no centro hai máis dun cento de persoas infectadas, entre usuarias e traballadoras e faleceron 47 persoas.

A situación provocou que aquelas usuarias que deron negativo nas probas de coronavirus fosen temporalmente transladadas á viña residencia de Patos, en Nigrán. Sobre a estancia nestoutro centro o presidente de Asfeba non puido máis que recoller "relatos positivos e usuarias encantadas", recalca, até que chegou a volta á residencia de Barreiro, na que pese as queixas, continúa a mesma equipa sanitaria.