A Federación de Anpas de Redondela alerta sobre os recortes que afectan o alumnado específicas

Imaxe de arquivo dunha protesta en Redondela. (Foto: Federación de Anpas)

Reclama o mantemento dos recursos en centros con alta presenza deste alumnado.

A Federación de Anpas de Redondela vén de presentar ante a Consellería de Educación, Inspección e o Departamento Territorial de Pontevedra varias solicitudes formais para reclamar o mantemento de unidades e profesorado de apoio en centros educativos do concello.

As peticións veñen motivadas por múltiples comunicacións que apuntan a recortes inminentes, que afectarían directamente á atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE) e, por ende, a todo o alumnado en xeral, comprometendo a calidade e a equidade do ensino público.

En concreto, as solicitudes presentadas afectan a tres centros —o CEIP Outeiro das Penas, o CEP Santa Mariña e o EEI San Pedro de Cesantes—, mais, aínda que non de forma formal, xa se teñen comunicado a outros centros de Redondela intencións de recortes similares, polo que a preocupación é compartida por boa parte da comunidade educativa do municipio.

As solicitudes presentadas afectan o CEIP Outeiro das Penas, onde se propón a supresión dunha das dúas unidades de 5º de Primaria, a pesar de contar cunha elevada porcentaxe de alumnado con NEAE; ao CEP Santa Mariña de Redondela, que vería recortado o profesorado de apoio PT, indispensable para garantir unha atención personalizada ao alumnado con maiores dificultades; e o EEI San Pedro de Cesantes, que perdería o reforzo de apoio educativo sen cambios con respecto ao ano anterior. A Federación reclama tamén o mantemento doutras medidas organizativas axustadas aos principios de equidade, inclusión e non discriminación que deben rexer o sistema educativo galego.

As Anpas advirten de que estas decisións administrativas contradín os compromisos adquiridos pola Xunta da Galiza en materia de inclusión, redución progresiva de ratios e aumento de recursos para atender ao alumnado con necesidades educativas.

Ademais, denuncian que se está a facer unha interpretación interesada e restritiva da normativa sobre o cómputo ponderado do alumnado con necesidades especiais e específicas de apoio educativo, en detrimento do benestar e dos dereitos dos nenos e nenas aos que se lles debe garantir unha atención adecuada.

Desde a Federación lembran tamén que, xa no curso pasado, coa entrada en vigor do Acordo do 17 de xaneiro de 2024 que reduciu o horario lectivo do profesorado de 25 a 23 horas semanais, produciuse unha “diminución drástica da dispoñibilidade horaria dos equipos docentes”.

Esta medida, afirman, non veu acompañada do necesario incremento de persoal docente, polo que na práctica os centros perderon entre 2 e 4 profesores, dependendo do número total de profesorado. Esta carencia de persoal repercute directamente na calidade da atención ao alumnado e compromete o funcionamento ordinario dos centros.