Familias e traballadoras farán parte da xestión da residencia de Celanova

Residencia San Carlos de Celanova en Ourense (Rosa Veiga / Europa Press).

O BNG levou adiante as negociacións co Padroado. Ademais da presenza de familiares e traballadoras  haberá tamén a doutro represente da corporación.

O Padroado da Residencia SanCarlos de Celanova abre o órgano reitor ás familias e as traballadoras e reforzar o carácter público da doazón inicial incrementando a representación da corporación municipal na dirección. Así o informa o BNG da localidade, que fala dun acordo “inédito e pioneiro no país”.

“As familias e os grupos políticos deron o primeiro paso, agora é o Padroado quen dá outro e abre ás familias, á corporación municipal e ás traballadoras a participación na xestión da Residencia”, sinala nun comunicado a formación nacionalista. 

“É a primeira residencia que abre a porta a familias e a traballadoras cunha representación directa no órgano de dirección,para colaborar na xestión ordinaria do centro”,explicou o portavoz nacionalista, Leopoldo Rodríguez.

O Padroado manterá os seus membros actuais: tres natos -entre eles, o alcalde- así como os outros tres que viñan representando asociacións da sociedade civil, e incorporará unha representante das familias de residentes, unha representante das traballadoras e unha representante da corporación municipal. 

“Celanova dá exemplo e senta un precedente.Este acordo significa que todos nos responsabilizamos e recoñecemoso outro o seu dereito a co-responsabilizarse”, subliñou Leopoldo Rodríguez. E engadiu: “Temos a vontade de traballar todas xuntas nunha tarefa inescusábel: a mellora da atención e dos coidados aos maiores na Residencia San Carlos de Celanova e alí onde se estean a prestar coidados ás nosas e nosos maiores”.