Vila de Pitanxo

As familias do 'Pitanxo' reuniranse con Salvamento Marítimo do Canadá

Protesta dos familiares dos falecidos ante o Congreso. (Foto: Juan Barbosa / Europa Press).
A portavoz das familias, María José de Pazos criticou que fose o Goberno español quen marcase a reunión.

A Delegación do Goberno estatal na Galiza informou as familias dos 21 falecidos no pesqueiro galego Vila de Pitanxo que se poderán reunir coas autoridades do Servizo de Salvamento Marítimo do Canadá o próximo 29 de xuño.

Nun comunicado, a Delegación indicou que esa é a data que ofreceron as autoridades canadenses para levar a cabo unha videoconferencia, despois de que as familias a solicitasen.

Todo iso debido a que o Vila de Pitanxo afundiu o pasado 15 de febreiro a 450 quilómetros da costa de Terranova (Canadá), polo que foron os servizos de emerxencias do país norteamericano os que actuaron nun primeiro momento, levando a cabo os labores de rescate.

"Mal facer do Estado"

A pesar diso, as familias lamentaron o "mal facer" do Executivo español, debido a que se estabeleceu unha data “sen o consenso dos afectados”, a pesar de que tiñan solicitado que se fixese “de mutuo acordo”.

En declaracións aos medios de comunicación, a portavoz das familias, María José de Pazos, lembrou que a embaixada de Canadá no Estado español lles ofreera instalacións e persoal para levar a cabo a conferencia, por exemplo un tradutor especialista no mundo da pesca.

"Falta de respecto"

Ademais, de Pazos confirmara á embaixada que esta reunión se faría a través deles e agora foi o Goberno estatal quen estabeleceu o encontro, polo que criticou a "descoordinación". "Isto xa chega a falta de respecto”.