Familias das vítimas da xestión da pandemia nas residencias claman xustiza

Mobilización polas vítimas da xestión da pandemia nas residencias, en Vigo (Imaxe: Nós Diario)
“Houbo 24 veces máis posibilidades de morrer nunha residencia privada que nunha publica”, denunciou Xosé Bernárdez (Vellez Digna), durante o transcurso da mobilización deste sábado 27 de setembro en Vigo. “Dereitos, xustiza e dignidade", reclamaron nun acto que se repetirá o domingo en Compostela.

Vigo acolleu este sábado 26 de setembro unha homenaxe ás vítimas da xestión da pandemia nas residencias galegas que quixo ser tamén un protesto en prol da investigación dos erros acontecidos e a favor dun cambio de modelo residencial cara ao público.

O evento foi convocado pola federación de familiares e usuarias de residencias REDE. Durante a marcha pola rúa do Príncipe de Vigo criticouse a vulneración dos dereitos humanos nos centros xeriátricos e exixiuse o cumprimento dos dereitos laborais e dos convenios, cuestións ausentes, din desde REDE, nos centros privados e nos públicos xestionados por empresas lucrativas e fundacións.

Tres son as premisas que motivaron esta mobilización, sinala a Nós Diario Xosé Bernárdez, presidente da asociación Vellez Digna e secretario de REDE: “reivindicar dereitos das e dos maiores, xustiza e investigar que aconteceu nas residencias, e pedir dignidade para as persoas anciás, pois arrebatáronlla desde as Administración desde os fondos voitre”, denuncia.

“Estamos en protesta porque esta pandemia puxo de manifesto o que viñamos denunciando desde hai tres anos: a mala calidade asistencial que teñen as residencias de maiores na actualidade na Galiza e que houbo 24 veces máis posibilidades de morrer nunha residencia privada que nunha publica”.

Engade Bernárdez que “só 3% das persoas maiores do país viven en residencias, mais producíronse nelas 45% dos falecementos rexistrados no por coronavirus”.

Bernárdez alerta de que estes servizos non se deben privatizar para non conver en mercadoría as e os maiores, “deixándoos en mans de fondos voitre que especulan e teñen unicamente por bandeira os cartos, recortando en material coidados e alimentación, chegando a uns niveis verdadeiramente xenocidas”.

No acto estiveron as deputadas do BNG Alexandra Fernández e Carmela González, o portavoz municipal do Bloque, Xabier Pérez Igrexas, e a parlamentar do PSdeG, Isaura Abelaira.

Alexandra Fernández sinalou a Nós Diario a urxencia de “coñecer as razóns” da gran cifra de falecementos nos xertiátricos e cargou contra o veto do Partido Popular no Parlamento galego que impediu levar avante a comisión de investigación sobre a crise nas residencias que solicitou o BNG.