Familiares de Henry Casimiro e SOS Racismo recorren o arquivo da causa contra o policía que o "abateu" na Coruña: "Queremos xustiza"

Axentes da Policía española analizando o lugar no que Henry Casimiro foi abatido o 25 de decembro de 2023, na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O Xulgado de Instrución da Coruña vén de arquivar a causa pola morte de Henry Casimiro en decembro de 2023, após recibir cinco disparos dun axente da Policía española. O avogado da familia e SOS Racismo denunciaron que o ditame da xuíza é "un disparate por partida dobre", ao presentar "un erro técnico moi grave" e "cuestión que non son compatíbeis xuridicamente".

O Xulgado de Instrución número 1 da Coruña decretou o sobresemento libre "por concorrer a eximente de lexítima defensa e cumprimento dun deber", en relación á morte de Henry Casimiro, un home migrante de 34 anos, o 25 de decembro de 2023, após recibir cinco disparos efectuados por un axente da Policía española. 

Eduardo García Peña, avogado da nai de Henry, explicou esta segunda feira a Nós Diario que a xuíza ditou un auto de sobresemento, entendendo que os feitos non eran constitutivos de delito. A maxistrada arquivou a causa ao apuntar que había un eximente de lexítima defensa completa e que o axente obrou en cumprimento do deber cando "abateu" a tiros o home.

"A nós parécenos que isto é un disparate por partida dobre", sinalou García. O avogado alertou dun erro técnico por parte da xuíza "que é moi grave" posto que, por un lado, "dixo que era un delito imprudente, e polo outro, afirmou que concorrían eses dous eximentes, polo cal non é posíbel", afirma. "Non pode haber unha imprudencia e unha lexítima defensa; se ti dis que o policía se estaba defendendo, entón non podes dicir que había que había intención e que era imprudente", manifesta García en conversa con Nós Diario.

Un posicionamento compartido por Alejandra Rodríguez, avogada de SOS Racismo, quen explica, en declaracións a este xornal, que arquivar un caso amparándose na "lexítima defensa" e no "cumprimento do deber" son cuestións "que non son compatíbeis xuridicamente". Rodríguez apuntou que a sentenza debía ser estimada por un xulgado do penal, polo que agardan que o recurso de apelación que xa presentaron no Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) sirva para reabrir o caso e para que "sexa o xulgado do penal quen dite sentenza". Para a avogada, que o caso sexa arquivado desde instrución "é unha mostra máis do racismo institucional e da protección da xustiza aos corpos e forzas de seguridade do Estado".

Rodríguez, ademais, destaca a existencia dun vídeo dunha cámara de seguridade do polígono coruñés da Grela, onde se produciron os feitos, "no que queda claro que o policía non actuou en autodefensa" e que o mozo, que padecía problemas de saúde mental, "nese momento non sabe quen é nin onde está".

Neste senso, a letrada lembra o testemuño do home que notificou á Policía española que Henry rompera o cristal do seu vehículo: "Eu pregunteille se lle pareceu que era unha persoa que estaba en pleno uso das súas facultades mentais. E díxome que era 25 de decembro, levaba un pixama do Chuac (Complexo Hospitalario Universitario da Coruña) e os zapatos na man".

"Quero que o meu fillo teña un xuízo xusto"

Daysi Esther Casimiro, nai de Henry e forense, cualificou onte en conversa con este xornal o arquivo da causa de "despropósito", insistindo nas probas achegadas no vídeo "no que se ve claramente que Henry non atacou o policía", e lembrando que "foron cinco disparos". "Por que non lle disparou ás pernas nada máis? Así podería deixalo sen camiñar", lamenta.

O único que pide agora é que o seu fillo "teña un xuízo xusto", apuntando que no vídeo se ve como a vítima "dá a volta para marchar e o policía vaille detrás". A nai lembra que desde o primeiro momento no que o seu fillo desapareceu actuou como correspondía: "Mandei todos os informes médicos, informei de que era un mozo cun trastorno psicótico e de que tiña esquizofrenia; a Policía era coñecedora de todo isto".

Insiste en que "foron dous anos de sufrimento e agarda, para que a xuíza diga agora que o policía estaba cumprindo co seu deber". "Eu perdín o meu único fillo, calquera nai pode imaxinar a dor que estou tendo, eu levántome todos os días e 'perdóome' a vida", manifesta. Agora, coa presentación do recurso de apelación, confía en que "se faga xustiza" e que se demostren "as moitas irregularidades que hai no caso".