Os familiares do 'Pitanxo' volverán pedir á ministra de Transportes a baixada ao pecio

Rolda de prensa dos familiares dos desaparecidos no Vila de Pitanxo. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
As familias urxen a baixar ao pecio "antes de que remate o verán".

Representantes dos familiares dos 21 mariñeiros falecidos no naufraxio do pesqueiro galego Vila de Pitanxo o pasado 15 de febreiro no mar de Terranova, en Canadá, reuniranse esta terza feira en Madrid coa ministra de Transportes, Raquel Sánchez, para urxir ao Goberno a que baixe ao pecio para solicitar probas e concluír as causas do sinistro. Na reunión tamén está previsto que participe o delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns.

Segundo trasladou aos medios a portavoz dos familiares, María José de Pazo, o obxectivo da baixada ao pecio é sumar "elementos obxectivos" ás conclusións sobre as causas do afundimento.

Neste sentido, a portavoz sinalou que "é necesario baixar ao pecio" canto antes, xa que "o tempo acaba" e o verán "vai chegar pronto ao seu fin".

De Pazo asegurou que "xa non hai argumentos para non baixar", debido a que "tecnicamente é posíbel facelo cun robot". "Hai medios, hai cooperación de Canadá e a normativa así o recolle", insistiu.

Responsabilidade do Goberno español

Por outra parte, a portavoz lamentou que desde o afundimento do Vila de Pitanxo houbo un afundimento e un sinistro con mortes en embarcacións galegas, polo que, ao seu xuízo, "é responsabilidade do Goberno español coñecer con todas as probas as causas do afundimento para evitar que se repita".

"Faleceron 21 traballadores e o compromiso de facer o posíbel e imposíbel por parte do presidente Sánchez quedou nunha frase sen tentar materializarse", criticou a portavoz.

Nesta mesma liña, asegurou que "non hai vontade política de cumprir coas súas obrigacións" nin "co seu compromiso coa xente do mar".

Para De Pazo, coa reunión desta terza feira coa ministra de Transportes, o Executivo estatal ten "unha oportunidade histórica" de "demostrar a súa responsabilidade" cos traballadores do Estado español.