Familiares critican DomusVi polas trabas ás saídas polo Nadal

Marcha da asociación Vellez Digna en Cangas (Foto: Nós Diario)
A asociación Vellez Digna censura que restrinxise máis as condicións desmotivando ás familias.

De cara ás festas do Nadal a Consellaría de Política Social elaborou un protocolo para regular as saídas de residentes dos centros. Entre outras cuestións, limitaba as estancias con familiares a unha saída, cunha duración mínima de cinco días e restrinxida a un único domicilio.

Antes do regreso ao centro, Política Social indicaba a realización dunha proba diagnóstica previa e recomendaba situar as e os residentes nunha estancia "onde non se poña en risco" aos demais usuarios e usuarias.

A asociación Vellez Digna de Cangas criticou onte nun comunicado que DomusVi, a compañía que xestiona residencias privadas e concertadas na Galiza, restrinxiu aínda máis estas condicións.

"Provocou que varias persoas desistiran de levar á casa o familiar, de feito o escrito ten unha clara fin disuasoria e sen base legal ningunha", asegura o colectivo.

No mesmo comunicado adxunta o escrito que a empresa trasladou ás familias e no que se recollen as directrices de Política Social. As familias debían acordar que eran coñecedoras de que as saídas “poden implicar para os residentes que as efectúen non poder regresar, ter que presentar unha proba negativa ou ben "estar en illamento no seu cuarto do centro determinados días". 

Esta última condición é a que espertou as críticas da asociación. "Non é certo que deban estar illados por ter saído fóra se non teñen síntomas, esa é unha penalización máis que inventa DomusVi", afirman.

Esta e outras compañías, engaden, "levan meses restrinxindo e dificultando as visitas, incumprindo as distintas instrucións que van dando as consellerías de Política Social e de Sanidade".