Unha familia padronesa podería ser despexada malia estar en risco de exclusión social

[Imaxes Stop-Despexos Compostela]

A adquisición do Banco Gallego por parte do Sabadell podería deixar sen morada a José, Begoña e a súa crianza de 10 anos. Stop-Despexos Compostela exixe unha solución para a familia e apela ao Código de Boas Prácticas. 

 

Esta quinta feira (10 de abril) a plataforma Stop-Despexos Compostela ocupou unha das oficinas que o Banco Sabadell ten na capital galega. As razóns, exixiren unha solución para José, Begoña e a súa crianza de 10 anos. Esta familia de Padrón podería ficar sen morada de se levar a cabo a execución hipotecaria ordenada pola entidade financeira após varios non pagamentos. 

Desde Stop-Despexos demandan ao Sabadell a negociación dunha moratoria coa familia de acordo co disposto na lexislación vixente pois, lembran, "cumpren os requisitos de estar en risco de exclusión social". 

En risco de exclusión social

José era operario da construción. Após unha enfermidade ficou cunha minusvalía recoñecida do 75%. Sen traballo "as cousas comezaron a ir mal", indican desde o movemento social. Embora asumiren a compra dunha vivenda cando os seus ingresos llelo permitían, a finais de 2013 a incapacidade para faceren fronte aos custes da hipotéca leváron@s a se poren en contacto con Stop-Despexos. 

"En outubro de 2013 pídese ao banco que acolléndose á lei negocie coa familia unha moratoria" mais, embora cumpriren os requirimentos, "o banco, continuando coa súa mala práxis, require nova documentación durante máis de dous meses pero en ningún momento oferta ningunha posibilidade real de negociación", denuncian. 

A Lei insta a unha moratoria

Neste senso, desde o movemento social apuntan que a "a Lei 1/2013 recolle que o banco adscrito ao Código de Boas Prácticas ten un mes para dar resposta por escrito ás familias" que se atopen, como José e Begoña, nunha situación límite. 

SabadellGallego di que após a fusión "non se sabe" cal é o protocolo e que a familia podería ter que reiniciar o proceso

Após facerse o Banco Sabadell co Banco Gallego --co que a familia asinara o crédito hipotecario-- "á familia comunícaselle que "non se sabe" cal é o novo protocolo de actuación e que é posible que teñan que reiniciar todo o proceso". 

Perante esta situación Stop-Despexos decidiu concentrarse ás portas da entidade financeira e reclamar unha xuntanza entre a familia e a dirección da oficina á fin de procuraren unha moratoria. "Esiximos que o banco dun respiro a esta familia amparada pola súa situación de risco de exclusión", sinalan.