Estes son os bens que a familia Franco poderá retirar en xuño do Pazo de Meirás

O Pazo de Meirás, no día da súa devolución ao dominio público (Foto: M. Dylan / Europa Press).
As únicas pezas do inventario elaborado en 2020 polos técnicos de Patrimonio Cultural da Xunta que os recorrentes poderán levar do pazo son os anxos de bronce da capela, unha virxe, unha lámpada situada sobre a pilastra da escaleira e uns apliques de parede metálicos.

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña sinalou para o día 26 de xuño, ás 9.30 horas o inicio da dilixencia de entrega á familia do ditador Francisco Franco dos únicos bens do Pazo de Meirás que a Audiencia da Coruña lles permitiu retirar.

A entrega, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) esta terza feira, continuará durante os días hábiles seguintes.

Na resolución, contra a que cabe presentar recurso, tamén requiriu á Administración Xeral do Estado que teña os bens perfectamente localizados e identificados.

A Audiencia da Coruña, dentro da fase de execución da resolución xudicial de 2020 que declarou que o inmóbel é propiedade do Estado, confirmou o pasado mes de xaneiro que a gran maioría dos bens reclamados pola familia Franco que se sitúan no exterior e interior do pazo de Meirás forman parte ou pertencen ao inmóbel e, por tanto, non poden ser retirados.

As pezas que poden levar

As únicas pezas do inventario elaborado en 2020 polos técnicos de Patrimonio Cultural da Xunta que os recorrentes poderán levar do pazo son os anxos de bronce da capela, unha virxe, unha lámpada situada sobre a pilastra da escaleira e uns apliques de parede metálicos.

Estas pezas súmanse ás alfombras de corredor, cuxa retirada xa permitira o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña nun auto recorrido pola familia Franco.