Denuncian a falta de dermatólogo en Cee e reclaman unha matrona e reforzos en Pediatría na Baña

As mulleres embarazadas da Baña deben desprazarse a Negreira para ser atendidas. (Foto: Europa Press)
As nais e mulleres embarazadas da Baña deben desprazarse a Mazaricos e Negreira para ser atendidas pola matrona e o pediatra a meirande parte da semana, denuncia o PSdeG.

A CIG alertou esta sexta feira da falta de cobertura da especialidade de dermatoloxía no Hospital de Cee, na comarca de Fisterra. A central sindical remitiu á xerencia da área sanitaria da Coruña-Cee un escrito manifestando o seu "malestar e desconformidade" co que está a suceder con esta praza de dermatoloxía.

Segundo explica, na última Oferta Pública de Emprego (OPE), convocada en 2019 e resolta en decembro de 2022, ofertouse unha praza fixa de dermatoloxía no centro comarcal, vacante desde setembro do pasado ano. A doutora que obtivo a praza "nunca se incorporou a traballar" no centro hospitalario de Cee, "concedéndoselle automaticamente" por parte da xerencia da Coruña unha comisión de servizos no Chuac.

O sindicato exixe que se oferten "con carácter inmediato" todas as prazas vacantes e contratos de longa duración para a súa cobertura con persoal temporal en tanto non se cubran de forma definitiva a través da OPE, tanto en dermatoloxía "como no resto de especialidades médicas que, en maior ou menor medida, están a padecer recortes nos seus cadros de persoal por falta de profesionais".

Falta de matrona e pediatra na Baña

Pola súa parte, a parlamentaria socialista Noa Díaz presentou unha serie de iniciativas na Cámara galega para reclamarlle á Xunta que cubra a praza de matrona e reforce o servizo de Pediatría no concello da Baña (comarca da Barcala).

Nun comunicado, a deputada do PSdeG advertiu que o centro de saúde deste municipio "leva ano e medio sen matrona" debido á "negativa" do Sergas a cubrir a baixa profesional do titular, "ás portas da xubilación". As mulleres embarazadas deben desprazarse, engade, a Negreira para ser atendidas.

A respecto do servizo de Pediatría neste centro, Díaz explicou que hoxe está cuberto "por unha única profesional as terzas e quintas feiras para atender os 250 nenos e nenas menores de 14 anos", que o resto dos días deben desprazarse a Mazaricos, "a 18 quilómetros".

Resposta do Sergas

Desde o Sergas comunicaron a Nós Diario a asúa resposta a esta denuncia.

"A matrona titular de Negreira-A Baña distribúe a atención as mulleres nos dous centros e conta cos ratios recomendados. Segundo a propia profesional manifesta a distribución realizada responde as preferencias das propias mulleres a tratar más diferentes actividades e atencións que presta dita profesional", sinala o Sergas.

"Tampouco ten moita xustificación social nin de xestión a outra reclamacion realizada polo PSOE. O número de tarxetas pediátricas na Baña é tres veces inferior á media, polo tanto considérase suficiente o tempo destinado a consulta, tal e como demostra que hai citas para o seguirte día de consulta da pediatra no centro. Por outra parte, se os nenos precisan atención os días nos que o pediatra non esta presencialmente na Baña, piden ser atendidos polo médico de familia ou ben telefónicamente. Destacar que tampouco neste caso a xerencia ten constancia de malestar por parte dos usuarios", acrecenta o Sergas.