Falece unha persoa sen fogar en Vigo en plena onda de frío

Morre unha persoa de 47 anos que durmía na rúa en Vigo en plena onda de frío (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
Confírmase o falecemento nunha rúa de Vigo dunha persoa de 47 anos en situación de ‘senfogarismo’ en plena onda de frío.

Mustafá S.L., nado hai 47 anos no Senegal, faleceu en Vigo o pasado 7 de xaneiro, en plena onda de frío provocada pola borrasca Filomena. Non tiña fogar e adoitaba durmir na zona do Berbés. Segundo o Concello de Vigo sinala nun comunicado, o falecido levaba desde novembro de 2017 recibindo asistencia do servizo municipal de Benestar Social e incide en que “era usuario da Unidade de Rúa e os profesionais trataron en moitas ocasións de motivalo para que fixese uso das prestacións municipais”.

Desde o colectivo vigués Os Ninguéns de loita contra a pobreza e a exclusión social manifestaron as súas condolencias “polo pasamento o 7 de xaneiro do compañeiro Mustafa S. L, un varón senegalés de 47 anos en situación de senfogarismo”, desexando “que a terra lle sexa leve e atope o descanso que non puido ter en vida”.

Aliás, este sábado, 9 de xaneiro, ao transcender o falecemento na prensa, o colectivo denunciou en Twitter “o tratamento mediático xélido da terríbel morte prematura en plena onda de frío do compañeiro Mustafá. Está sendo pura culpabilización e estigma”, denuncian.