Falece unha muller de 58 anos tras ser atropelada na Laracha

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta)
O accidente produciuse na estrada AC-552 ao seu paso por Lestón. Por outra parte, dous homes de 48 e 54 anos faleceron nun incendio na súa vivenda en Lugo que puido producirse por un curtocircuíto provocado polo cargado dun teléfono.

Unha muller de 58 anos, con iniciais M.J.L.M., faleceu na mañá desta terza feira tras ser atropelada por un vehículo na estrada AC-552, ao seu paso polo municipio da Laracha (comarca de Bergantiños). Segundo trasladou o 112-Galiza, o suceso produciuse contra as 8 horas no lugar das Rañeiras, pertencente á parroquia de Lestón.

Após recibir o aviso, até o lugar mobilizáronse os servizos sanitarios, os Bombeiros de Bergantiños, a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local e Protección Civil da Laracha, así como os operarios de conservación da estrada.

Pola súa parte, o Servizo de Urxencias Sanitarias da Galiza-061 trasladou até o punto unha ambulancia de soporte vital avanzado e un equipo de atención primaria do centro de saúde da localidade, que atendeu un home de 24 anos.

Accidente en Camariñas

Por outra parte, o 112-Galiza informou dun sinistro en Camariñas (Terra de Soneira). Neste caso, os Bombeiros de Cee tiveron que liberar unha persona que sufriu unha saída de vía no quilómetro 15 da AC-432. Os feitos sucederon pouco antes das 2 horas da madrugada. Un particular alertaba a central de emerxencias de que un vehículo quedara envorcado nunha leira.

Con esta información, os xestores do 112 deron aviso ao persoal sanitario, os Bombeiros de Cee e a Garda Civil de Tráfico. Xa no lugar, os servizos de emerxencia procederon a retirar o teito do vehículo para poder sacar o ferido do seu interior. Os Bombeiros afirmaron que o accidentado tiña diversas feridas, mais estaba consciente. O persoal de emerxencias trasladou en padiola o ferido até a ambulancia do 061, para o seu posterior traslado ao centro hospitalario de referencia.

Dous falecidos no incendio dunha vivenda en Lugo

Dous homes de 48 anos (V.N.R.) e 54 anos (J.L.R.) faleceron na tarde desta segunda feira tras producirse un incendio no seu domicilio na parroquia de Santiago de Meilán, no concello de Lugo. A policía recibiu un aviso a media tarde dun particular que alertaba de que saía fume dunha vivenda, polo que desprazou até o lugar unha patrulla.

Ao chegar, os axentes comprobaron que había dúas persoas falecidas no interior da vivenda, malia que xa non había chamas. As primeiras investigacións apuntan a que o incendio puido deberse a un curtocircuíto provocado polo cargado dun teléfono, xa que a instalación eléctrica da vivenda estaba bastante deteriorada. Está previsto que esta terza feira se lles practique a autopsia ás vítimas, aínda que os primeiros indicios apuntan a que os decesos foron consecuencia da inhalación de fume.