Falece un mozo de 20 anos tras sufrir una caída nas pozas de Melón

José Vicente Iglesias Calderón, nun partido co clube do Carballiño. (Foto: CD Arenteiro)
José Vicente Iglesias Calderón xogaba na canteira do Arenteiro. Caeu nunha zona de difícil acceso e, cando chegaron, os profesionais sanitarios nada puideron facer por reanimalo.

Un mozo de 20 anos, José Vicente Iglesias Calderón, faleceu este domingo tras sufrir unha caída nas pozas do municipio ribeirao de Melón; en concreto, na poza de Tourón. Así o confirmou á última hora do domingo a central de emerxencias do 112-Galiza, que sinalou que o suceso se produciu contra as 18 horas. Nese momento, un particular alertou o 112 da caída desta persoa nunha das pozas, precisando ademais que non o atopaban e que se trataba dunha zona de difícil acceso.

Con esta información, o 112 activou un operativo no que participaron profesionais sanitarios, Bombeiros do Carballiño, o GES de Ribadavia, a Garda Civil e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Melón, así como unha ambulancia asistencial de soporte vital básico e persoal sanitario do PAC de Ribadavia.

Á súa vez, o 061 mobilizaba até o lugar o helicóptero medicalizado con base en Ourense. Con todo, unha vez que o persoal sanitario chegou ao lugar, nada puido facer por reanimalo e só puido confirmar o falecemento do accidentado, que era futbolista da canteira do CD Arenteiro do Carballiño.

Pozas de Melón. (Foto: Turismo da Galiza)

Rescate en Oleiros

Por outra parte, os servizos de emerxencias tamén tiveron coñecemento dun home que caera nunhas silvas nunha zona de monte situada na parroquia de Liáns, no municipio de Oleiros (comarca da Coruña).

Foi unha familiar do implicado quen contactou co 112-Galiza pouco despois das 16 horas para alertar de que o home a chamara para indicarlle que se atopaba ferido e perdido no monte. Así, a central de emerxencias deu aviso aos servizos sanitarios, os axentes da Garda Civil e da Policía Local e os membros do Servizo de Emerxencias de Oleiros.

Precisamente, foron estes últimos os que, abríndose paso entre as silvas, rescataron o home accidentado, que foi atendido polos servizos sanitarios.