Falece un motorista e catro persoas resultan feridas nun accidente múltiple en Vigo

Central de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: 112)

O sinistro tivo lugar na noite da sexta feira na PO-552, á altura da parroquia viguesa de Oia, tras un choque entre unha moto e dous turismos.

Un motorista perdeu a vida e catro persoas resultaron feridas de gravidade nun accidente múltiple rexistrado na noite desta sexta feira na estrada PO-552, ao seu paso pola parroquia de Oia, no concello de Vigo.

Segundo informou o 112 Galiza, o suceso produciuse arredor das 23.20 horas, cando varios particulares alertaron dunha colisión entre unha motocicleta e dous turismos.

Até o lugar desprazáronse os servizos de urxencia, incluíndo o 061, Bombeiros de Vigo, Garda Civil, Policía Local e Protección Civil. Os sanitarios confirmaron no punto o falecemento do condutor da moto e atenderon as persoas feridas.

Os bombeiros tiveron que excarcerar unha das ocupantes dun dos coches, que quedara atrapada no interior. As catro persoas que viaxaban nese vehículo foron trasladadas con prognóstico grave a centros hospitalarios da cidade.

Segundo os equipos de intervención, o accidente produciuse cando un dos turismos impactou inicialmente contra a motocicleta, que logo chocou contra outro coche.

Os ocupantes deste segundo vehículo non sufriron feridas, aínda que os danos materiais foron importantes. As autoridades investigan agora as causas do sinistro.