Falece un home tras ser atropelado en Santiago de Compostela

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta da Galiza)

Un home perdeu a vida na tarde deste 26 de febreiro despois de sufrir un atropelo no barrio de San Lázaro, en Santiago de Compostela, segundo informou o 112 Galiza.

 

Un home faleceu na tarde deste 26 de febreiro tras ser atropelado en Santiago de Compostela, informa o 112 Galiza. A Central de Emerxencias recibiu o aviso arredor das 17.30 horas a través da chamada dun particular, que alertou dun atropelo na rúa Edison, en San Lázaro.

Na comunicación indicouse que podería tratarse dun accidente "grave", polo que se avisou á Policía Local, que xa tiña constancia do sucedido, aos bombeiros de Santiago e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil. Finalmente, os profesionais de Urxencias Sanitarias confirmaron o falecemento do home.