Falece un home no Porriño nunha saída de vía tras unha posíbel indisposición ao volante

Ambulancia do 061. (Foto: Nós Diario)
As alertantes indicaban que o condutor se atopaba en parada cardiorrespiratoria, polo que solicitaban asistencia sanitaria urxente.

Un home faleceu esta terza feira nunha saída de vía co coche no municipio do Porriño (comarca de Vigo), tras sufrir unha posíbel indisposición mentres conducía. Segundo informa o 112 Galiza, ocorreu sobre as 11 horas da mañá. Varias persoas alertaron ao número de emerxencias dun accidente no quilómetro 18 da A-55 ao seu paso por Atios.

As alertantes indicaban que o condutor se atopaba en parada cardiorrespiratoria, polo que solicitaban asistencia sanitaria urxente. Así, o 112 pasou o aviso a Urxencias Sanitarias da Galiza-061, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e a Protección Civil.

Unha vez no lugar, os equipos de emerxencia confirmaban o falecemento do condutor, único ocupante do vehículo. As primeiras hipóteses apuntan a que o home sufriu unha indisposición previa que provocou que perdese o control do coche e se saíse da vía.