Falece un home cando se atopaba nunha zona de rochas nunha praia de Bueu

Ambulancia do 061. (Foto: Nós Diario)
O 112 recibiu o aviso sobre as 9.45 horas, cando un particular solicitaba asistencia sanitaria para un veciño que se atopaba mareado nunhas rocas na praia de Area de Bon, en Bueu.

Un home faleceu esta terza feira cando se atopaba nunha zona de rocas nunha praia de Bueu (O Morrazo), segundo informou o servizo de emerxencias 112. En concreto, recibiron o aviso sobre as 9.45 horas. Un particular solicitaba asistencia sanitaria para un veciño que se atopaba mareado nunhas rocas na praia de Area de Bon, en Bueu.

Ao lugar, desprazáronse Urxencias sanitarias, que xa confirmaron que a zona era de difícil acceso. Tamén se informou a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas, sen descartar mobilizar outros efectivos aéreos nun primeiro momento. 

A recuperación do corpo, explica o 112 no seu parte de incidencias, foi complicada tanto por terra como por mar. Por iso, o Pesca I, do Servizo de Gardacostas da Galiza, mobilizouse para levar a cabo o rescate do falecido.

Ademais, nesta intervención, tamén participaron Salvamento Marítimo, a Garda Civil e a Policía Local de Bueu, segundo recolle o servizo de incidencias no seu parte realizado ao mediodía desta terza feira.