Falece un home de 47 anos nunha colisión frontal entre dous vehículos en Pantón

Un dos vehículos implicados no accidente mortal de Pantón. (Foto: Europa Press)
O sinistro produciuse pouco antes das 21 horas na parroquia de Santalla de Toiriz.

Un home de 47 anos, con iniciais M.A.G. e veciño de Monforte de Lemos, perdeu a vida na noite desta sexta feira tras colidir o vehículo no que circulaba contra outro turismo na estrada CG 2.1, no municipio de Pantón (Terra de Lemos). O sinistro produciuse pouco antes das 21 horas na parroquia de Santalla de Toiriz. En concreto, no punto quilométrico 9,5.

Segundo informou o 112-Galiza, varios particulares puxéronse en contacto coa central de emerxencias para alertar desta colisión, sinalando que os condutores de ambos os vehículos parecían inconscientes e atrapados no interior. Con esta información, os operadores do 112 deron aviso aos Bombeiros de Monforte e aos profesionais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que enviaron ao lugar do accidente unha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado, dúas ambulancias de soporte vital básico e a persoal sanitario do PAC de Monforte.

A continuación, os equipos médicos atenderon tres pacientes, resultando falecido no punto o condutor dun dos vehículos. Ademais desta vítima, o 061 atendeu unha muller de 45 anos e un menor, que viaxaban no outro turismo implicado e que foron trasladados ao Hospital de Monforte.

Persoal da Axencia Galega de Infraestruturas encargouse da limpeza da vía, mentres que a Garda Civil de Tráfico recolleu no lugar a información relevante sobre o sinistro para tratar de esclarecer as causas.

Ferida grave en Cee

Por outra parte, o 112 tamén tivo coñecemento doutro accidente de tráfico esta madrugada. Neste caso produciuse na estrada AC-552, ao seu paso pola localidade de Cee. Pouco antes das 6 horas, un particular púxose en contacto coa central de emerxencias para alertar deste sinistro. Segundo explicou na súa comunicación, a muller ferida saíra despedida do vehículo.

Os servizos de emerxencias comprobaron que a vítima presentaba lesións importantes, pero coas constantes vitais activas. Neste operativo interviñeron os profesionais de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, Bombeiros de Cee e os axentes da Garda Civil de Tráfico.