Falece o empresario coruñés José María Castellano, home importante na historia de Inditex

Jose María Castellano. (Foto: Greenalia)
En 2005, tras deixar Inditex, percorre varias empresas, entre as que destacan a Presidencia de ONO e de NovaGalicia Banco. Actualmente, ademais de pertencer ao consello de administración de varias compañías, José María Castellano era o presidente non executivo de Greenalia, da que tiña 6% das accións.

O empresario coruñés José María Castellano faleceu esta cuarta feira aos 78 anos de idade. Na súa carreira iniciada nos anos 70 destaca o seu traballo en Inditex, onde foi o home de confianza de Amancio Ortega durante dúas décadas nas que a multinacional téxtil medrou a nivel global.

Nado na Coruña en 1947, Castellano era licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e máis tarde converteuse tamén en doutor na mesma disciplina pola Universidade Complutense de Madrid. 

Tras os seus primeiros traballos, no ano 1984 chegou a Inditex, onde permaneceu durante 20 anos, alcanzando algún dos postos de responsabilidade máis altos da compañía. Desta maneira, en 1997 converteuse en conselleiro delegado e vicepresidente da firma. 

En 2005, tras deixar Inditex, percorre varias empresas, entre as que destacan a Presidencia de ONO e de NovaGalicia Banco. Ademais, Castellano foi vicepresidente entre 2009 e 2011 do xornal 'La Voz de Galicia', en cuxo consello de administración participaba desde maio de 2024.

Actualmente, ademais de pertencer ao consello de administración de varias compañías, desde o ano 2020 o empresario José María Castellano era o presidente de Greenalia, compañía da que tiña 6% das accións.

Segundo confirmaron fontes próximas, os restos do empresario e economista serán velados no Tanatorio Parcesa La Paz, onde terá lugar unha misa ás 18 horas. O funeral será a sexta feira, día 19 setembro, ás 20 horas na Igrexa de Santiago da cidade vella da Coruña.

Amancio Ortega lamenta o falecemento

O fundador de Inditex, Amancio Ortega, lamentou "profundamente" o falecemento do directivo e economista José María Castellano, unha figura "esencial" na historia do grupo galego, onde ocupou o cargo de conselleiro delegado entre 1997 e 2005, pilotando a súa saída a Bolsa en maio de 2001.

"Lamento profundamente o falecemento de José María Castellano, unha figura esencial na historia de Inditex e, por encima de todo, unha gran persoa, como sabemos todos os que tivemos a sorte de coñecelo e de contar coa súa colaboración", subliñou Ortega.

"As miñas máis sinceras condolencias para os seus seres queridos por esta triste perda, un sentimento que compartimos cantos formamos parte desta empresa", engadiu o fundador de Inditex, quen afirmou que a súa marcha representa tamén unha "gran perda" para o mundo empresarial da Galiza e do Estado español, no que "José María sempre destacou pola súa brillantez, profesionalidade e compromiso persoal". "Todos en Inditex admiramos a Caste, e sempre ocupará un lugar moi especial no corazón da compañía", destacou o fundador da multinacional.