Falece un ciclista de 78 anos nunha colisión cun vehículo en Compostela

Ambulancia do 061. (Foto: Nós Diario)

O accidente produciuse nas inmediacións do Campus Sur da USC.

Un home de 78 anos faleceu esta terza feira tras sufrir unha colisión cun vehículo cando circulaba en bicicleta pola avenida Mestra Victoria Míguez, nas inmediacións do Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Segundo trasladou o 112-Galiza, sobre as 12.15 horas o Servizo de Urxencias Sanitarias da Galiza-061 daba aviso deste sinistro, alertando da gravidade do home ferido.

Ao ter coñecemento dos feitos, os operadores da central de emerxencias informaron os Bombeiros da capital galega, aos axentes da Policía Local e a efectivos de Protección Civil.

Fontes municipais sinalaron que polo momento descoñécense as circunstancias deste accidente no que perdeu a vida un ciclista.

Así mesmo, estas mesmas fontes detallaron que o falecido circulaba acompañado por outro ciclista, que resultou ileso.