Falece un ancián en Ferrol tras sufrir unha caída nunha embarcación de recreo

Unha ambulancia do servizo de emerxencias do 061 da Galiza. (Foto: Nós Diario)
Foi un compañeiro do falecido o que alertou ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias sobre as 7.15 horas, indicando que navegaban a bordo dunha embarcación de recreo cando o home sufriu unha caída e quedou inconsciente.

Un home de avanzada idade faleceu a primeira hora da mañá desta quinta feira en Ferrol tras sufrir unha caída nunha embarcación de recreo. Segundo informa o 112 Galiza, os feitos ocorreron perto da rampla do peirao de Curuxeiras e as forzas de seguridade traballan xa para aclarar as circunstancias dos mesmos.

Foi un compañeiro do falecido o que alertou ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias sobre as 7.15 horas, indicando que navegaban a bordo dunha embarcación de recreo cando o home sufriu unha caída e quedou inconsciente.

Así, deuse aviso a Urxencias Sanitarias da Galiza-061, á Policía e á Garda Civil. Tamén se contactou co persoal de Salvamento Marítimo, co Servizo de Gardacostas e coa Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. A pesar dos esforzos dos servizos sanitarios, nada puideron facer para salvar a vida ao home.

Outra morte en Foz

Previamente, un home faleceu esta cuarta feira tras ser rescatado do mar inconsciente na praia da Rapadoira, no municipio de Foz (A Mariña), segundo informou 112 Galiza. O suceso tivo lugar ao redor das 21.20 horas, cando o Centro de Atención Integrada de Urxencias 112 Galiza recibiu unha chamada informando de que unha persoa estaba a flotar inconsciente na auga, e que varias persoas entraran no mar para tentar rescatala.

Inmediatamente, o Centro de Atención Integrada de Urxencias 112 Galiza informou ao Servizo de Emerxencias Sanitarias da Galiza-061, a Salvamento Marítimo, á Garda Civil, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil. Unha vez rescatado e trasladado o home á area, o persoal médico iniciou de inmediato as manobras de reanimación, pero lamentabelmente non puideron facer nada para salvar a súa vida.