Faladoiro da ASPG sobre xornalismo con María Obelleiro e Rafa Cabeleira

Esta cuarta feira, 4 de decembro, ás 20h no salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra.

Que xornalismo precisa o momento actual? Cales deben ser os seus códigos de actuación?”. Esas serán dúas das cuestións ás que as xornalistas María Obelleiro e Rafa Cabeleira darán resposta esta cuarta feira en Pontevedra nunha nova edición do faladoiro organizado pola Asociación Sociopedagóxica Galega AS-PG para debater temas de actualidade desde unha perspectiva galega.

A conversa será ás 20 horas no salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación.  María Obelleiro, xornalista pola USC, e especialista en igualdade. Desde 2017 dirixe o semanario Sermos Galiza e desde febreiro de 2019, está tamén á fronte da edición dixital, www.sermosgaliza.gal. Foi nomeada directora de Nós Diario, o novo medio en papel que publicará Sermos Galiza a partir de xaneiro de 2020.

Rafa Cabeleira defínese como “columnista por descarte”. É colaborador habitual en medios escritos como El País, Diario As, Diario de Pontevedra, El Progreso ou a revista cultural Jot Down, e tamén en radio, onde fala nos micrófonos de Onda Cero, Rac1, Radio Marca ou a Radio Galega. É autor do libro ‘Alienación indebida’, unha recopilación dos seus artigos máis futboleiros.

O ciclo de conversas organizado pola AS-PG en colaboración coa Deputación de Pontevedra terá una nova cita o 11 de decembro, co tema ‘As mulleres no mundo do deporte de competición’, da man de Vero Boquete, futbolista profesional, actualmente nas filas dos Utah Royals FC (Salt Lake City, USA) e xogadora profesional. Tamén participará Cristina López Villar, profesora da facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física na Coruña, e integrante dun grupo de investigación con diferentes liñas en torno ao deporte e o feminismo. Entre os seus traballos destaca a publicación do libro ‘Pioneiras do deporte en Galicia’.