As facultades de Dereito das tres universidades públicas opóñense á impartición do título na universidade de Abanca

Entrada da Facultade de Dereito da USC. (Foto: USC)

A pasada semana coñecíase a decisión da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta da Galiza de autorizar a universidade privada ligada a Abanca a impartir o grao de Dereito a partir do vindeiro curso. Esta quinta feira, os equipos directivos das facultades que ofrecen esta titulación na UDC, a USC e a UVigo mostraron a súa firme oposición ao entenderen que contravén a lei.

O grao de Dereito cúrsase actualmente nas tres universidades públicas da Galiza. Concretamente, nas facultades de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC), da Coruña (UDC) e de Vigo (UVigo), neste caso tanto no campus da cidade olívica como no de Ourense. Segundo datos da Xunta da Galiza, cada ano ofértanse no país 480 prazas, a razón de 170 na USC, 180 na Universidade da Coruña UDC e 130 na UVigo.

O propio Goberno galego, a través da Secretaría Xeral de Universidades da Consellaría de Educación, sinalaba en 2018 que “a oferta de prazas no Sistema Universitario da Galiza (SUG) é apropiada en canto ao seu número […], útil para os efectos da satisfacción da demanda”, polo que non consideraba necesaria, por tanto, "ningunha revisión da oferta de prazas para a titulación”. Unha posición que entra en contradición coa postura que deu a coñecer hai uns días no seo do Consello Galego de Universidades, favorábel a autorizar a Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), institución privada ligada a Abanca, a impartir esta titulación.

A decisión do Goberno galego de abrir esta xanela á UIE rexeitárona esta quinta feira, a través dun comunicado conxunto –ao que tivo acceso Nós Diario–, as facultades de Dereito das tres universidades públicas. "Vemos con preocupación a posibilidade de implantación dun novo grao en Dereito que sería, na práctica, a quinta titulación destas características [na Galiza]", destacaron, advertindo de que isto "suporía unha distorsión da oferta académica" nun título que ven "suficientemente ben cuberto na actualidade polas prazas que se ofertan nas tres universidades públicas”.

A Xunta de Centro das facultades de Dereito da USC, UDC e a UVigo cuestiona a legalidade do acordo da Secretaría Xeral de Universidades. A medida, afirma, "resulta contraria ao sinalado polo artigo 8 da Lei 6/2013, do Sistema Universitario da Galiza, cando chama a evitar reiteracións de titulacións". Tamén contraviría o seu artigo 13, en canto condiciona a creación de novas universidades a que o seu catálogo de titulacións sexa "complementario e non reiterativo" a respecto das titulacións xa existentes e consolidadas.

Calidade da formación

As facultades de Dereito da rede universitaria pública poñen en cuestión que a formación que ofrecería desde o curso académico 2025-26 a Universidade Intercontinental da Empresa teña "a calidade necesaria no ámbito das ciencias xurídicas”. Na mesma dirección, avanzan que “dificilmente se pode entender que o plan de estudos proposto sexa suficiente para garantir uns mínimos formativos para o futuro estudantado”.

Ao tempo, destacan que a universidade privada promovida por Abanca "carece" dun profesorado e experiencia investigadora [...] "minimamente aceptábel" para impartir estes estudos na Galiza.