Facultades e departamentos das tres universidades e do CSIC na Galiza rexeitan a celulosa que Altri proxecta na Ulloa

Garza vermella na lagoa do predio de Quintas, en Palas de Rei (A Ulloa), onde Altri proxecta a súa celulosa. (Foto: Juan Mañá)
Unha decena de departamentos universitarios e de facultades, entre elas as de Bioloxía das tres universidades, mais o departamento de Solos e Biosistemas da Misión Biolóxica de Galiza, do CSIC, asinaron neste ano manifestos contra a celulosa de Altri na Ulloa. Esta terza feira, estas entidades subscribiron un novo manifesto. A comunidade científica alerta do impacto da celulosa que a multinacional portuguesa proxecta na Ulloa co apoio da Xunta da Galiza.

Na semana en que decorrerá a manifestación contra a celulosa de Altri (o domingo, en Compostela, convocada por Ulloa Viva e Defensa da Ría de Arousa), esta terza feira mesmo as facultades de Bioloxía das tres universidades do Sistema Universitario da Galiza (SUG), xunto aos departamentos relacionados coa biodiversidade e a súa conservación, e outros departamentos universitarios do SUG e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) “posiciónanse con contundencia contra a instalación dunha macrocelulosa de Altri na Galiza”. Nun comunicado conxunto ao que tivo acceso Nós Diario, apelan ao “Manifesto de oposición a unha nova macrocelulosa na Galiza (“Altri non”), que sintetiza os argumentos deste rexeitamento desde a comunidade científica”.

Especialistas en bioloxía alertan do perigo da pasteira para a biodiversidade

O comunicado afirma que se trata dun “posicionamento unánime” destas facultades e departamentos, isto é, “do conxunto de persoas que conforman estas institucións académicas en decisión plenaria, sen precedentes no ámbito científico galego”. Explican na comunidade científica que a súa posición pública a respecto de Altri “marca un fito no contorno académico relacionado coa bioloxía ambiental” e reflicte “o rexeitamento tallante da comunidade científica”, baseado na “ameaza que o proxecto tería sobre a vida en xeral e sobre a conservación da biodiversidade da Galiza en particular”.

Con nomes e apelidos

Santiago Ortiz.

O catedrático de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Santiago Ortiz, explica a Nós Diario a “contundencia” deste último posicionamento conxunto da comunidade científica galega “porque a decisión se aprobou por unanimidade en todos os centros, como moito houbo algunha abstención”. Como catedrático de Botánica, Ortiz insiste en “aspectos infames” do proxecto de Altri como a afectación “á zona máis importante de biodiversidade de flora na Galiza, entre as dez máis importantes do Estado”.

Santiago Ortiz, catedrático de Botánica (USC): "Altri afecta a zona máis importante de biodiversidade de flora na Galiza e unha das principais no Estado"

Eva Martínez.

A bióloga Eva Martínez, do Departamento de Botánica da Universidade da Coruña (UDC), asegura que co proxecto da macrocelulosa “desaparecería unha biodiversidade que é tan importante que debería ser patrimonio”. De feito, varios técnicos da UDC están a traballar “na actualización de hábitats herbosos da Galiza e pediremos á Unión Europea protección prioritaria para estes”, entre eles a zona que a fábrica de Altri afectaría coa súa implantación. Preguntados ambos por se a Xunta da Galiza pediu a algunha das universidades informes técnicos a respecto do proxecto, coinciden: “Non houbo ningún contacto”.

Eva Martínez, bióloga da UDC: “Coa celulosa desaparecería unha biodiversidade tan importante que debera ser patrimonio"

Serafín González.

Tamén Serafín González, investigador do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) na Misión Biolóxica da Galiza (MBG) e vicedirector da súa sede en Compostela, explica que o Departamento de Solos, Biosistemas e Ecoloxía Agroforestal da MBG subscribe este manifesto. González destaca “o momento e a oportunidade” da manifestación contra Altri deste domingo porque “dentro de pouco cabe agardar unha toma de posición da Xunta”. Explica a Nós Diario que o Goberno galego “non nos consultou” arredor de ningunha cuestión técnica nin científica do Proxecto Gama (nome que recibe o proxecto para a instalación de Altri na Ulloa), e destaca que a pasteira “tería impactos nos ecosistemas, nunha zona que debería ser Rede Natura 2000, no ecosistema fluvial do Ulla e no previsíbel incremento da demanda de eucalipto”. A súa avaliación científica a respecto de Altri é que “tería impactos sobre a biodiversidade a todos os niveis”.

Serafín González, vicedirector no CSIC: "A Xunta non nos consultou sobre ningunha cuestión técnica nin científica do impacto de Altri"

Tamén a CIG remitiu esta terza feira un comunicado no que fai un chamamento “a encher o Obradoiro” o domingo para manifestar “o masivo rexeitamento á megapasteira de Altri que o PP quere instalar en Palas de Rei”. A central sindical denuncia “o perigo que supón Altri para o tecido económico e social; para a poboación das comarcas polas que discorre o río Ulla; para os sectores do mar que viven da ría de Arousa, que están totalmente afectados por este proxecto que ameaza o seu futuro e para o conxunto de Galiza”.

Oposición a Altri da comunidade científica

Após do primeiro pronunciamento o 19 de xuño da Xunta de Facultade de Bioloxía da USC, foron sumándose outros departamentos e facultades das tres universidades e do CSIC. Asinan este novo manifesto o Departamento de Botánica da USC, o de Bioloxía Funcional da USC, o de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo (UVigo), o de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo da UVigo, o de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, o de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da USC; o de Bioloxía da UDC,o de Economía Aplicada da UVigo, a Facultade de Ciencias da UDC, a Facultade de Bioloxía da UVigo e da USC e o Departamento de Solos, Biosistemas e Ecoloxía Agroforestal da Misión Biolóxica da Galiza (CSIC).

A pasteira afastaría Galizados obxectivos ambientais

Destaca a comunidade científica das universidades galegas que o “enorme impacto” de Altri está a ser “obviado” pola pasteira portuguesa, que “pretende minimizar o que é unha ameaza directa aos ecosistemas da Galiza”. A comunidade científica universitaria advirte de “consecuencias devastadoras para a biodiversidade e o medio ambiente”, algo que aseguran “afastaría a Galiza dos obxectivos de restauración ecolóxica recentemente aprobados pola Unión Europea (Lei de Restauración Ecolóxica)". Neste contexto, aseguran que a empresa e a Xunta da Galiza “deberían descartar a posibilidade de que o proxecto reciba fondos Next Generation”. 

A comunidade científica lamenta que a Xunta non lle solicitara informes sobre Altri

A comunidade científica advirte de impactos do proxecto de Altri na “deterioración dos ecosistemas e a biodiversidade”, a “elevada sensibilidade ambiental da área”, o “grave impacto no río Ulla” e o “incremento de emisións e contaminación”, para concluír coa análise dos datos do proxecto e os seus estudos técnicos que os membros da comunidade universitaria e os institutos de investigación do ámbito do medio ambiente, da diversidade biolóxica e doutros ámbitos de investigación "opoñémonos ao proxecto da instalación dunha nova macro-celulosa na Galiza”.