A Facultade de Medicina da USC desmárcase do acordo de descentralización da docencia
A Xunta de Facultade de Medicina rexeitou esta segunda feira por unanimidade o acordo de descentralización da docencia asinado a pasada semana en Vigo polos tres reitores galegos. Co decano á fronte, José Martín Carreira, as e os representantes da Facultade de Medicina da USC deixaron claro que non asinaron o acordo de descentralización coa UVigo e a Universidade da Coruña e a Xunta da Galiza, e fixeron constar en acta a falta de apoio de Medicina de Santiago ao acordo.
Logo de case tres horas de debate en Xunta de Facultade, Medicina remitiu ao Reitorado da USC un documento no que aseguran que "o acordo non resulta axeitado e require dunha revisión substancial antes de poder ser apoiado por esta Xunta de Facultade”.
A facultade considera ademais que "a excepcionalidade deste modelo proposto pode crear un precedente grave que erosione a cohesión e a planificación do sistema universitario galego, fomentando modelos ad hoc, negociados á marxe de criterios académicos e científicos, con efectos regresivos para o conxunto da universidade pública na Galiza", asegura o documento. Tamén por unanimidade a Xunta de Facultade aprobou unha proposta para descentralizar a docencia nos últimos cursos, que adía a descentralización máis aló de 2029.
O reitor da USC, Antonio López, remitiu esta segunda feira pola tarde un comunicado á comunidade universitaria compartindo súa "frustración" pola negativa de Medicina a asumir o acordo, algo que "supón a perda dunha grande oportunidade para facer da Facultade de Medicina de Santiago a Facultade de Medicina da Galiza".
Será o Consello de Goberno da USC, na sexta feira, quen decida o que finalmente aconteza coa oposición de Santiago ao acordo entre os tres reitores e a Xunta.